Un carro con libros ofrecidos pola Biblioteca Municipal estará na Praza de Abastos tudense
A Biblioteca Pública Municipal de Tui promove unha iniciativa para achegar os libros á cidadanía co gallo da celebración deste xoves, 23 de abril, do Día do Libro, unha data para a que estaba programada a undécima edición de 'Tui Le', unha xornada de actividades arredor do libro e a lectura que organizan anualmente as bibliotecas escolares dos colexios e institutos de Tui xunto coa Biblioteca Municipal tudense (unha iniciativa á que este ano tiña previsto sumarse tamén a Biblioteca Municipal de Valença).
Asi pois para a celebración desta data e favorecer que
esta celebración poida chegar a un maior número de persoas, dende a Biblioteca
Municipal tudense promóvense dúas iniciativas
Distribución de libros de balde a todos os lectores interesados, así haberá un carro con libros ofrecidos pola Biblioteca Municipal na Praza de Abastos tudense para que aqueles interesados poidan coller un exemplar e gozar posteriormente coa súa lectura na casa. Os promotores solicitan aos interesados que garden as distancias de seguridade, usen luvas e non manipulen os libros para garantir unhas medidas hixiénicas mínimas. Estes carros quedarán a disposición dos interesados ata esgotar as existencias. Esta actividade é posible gracias á colaboración da concellería de Comercio e Mercado.
Para celebrar Tui Le, o encontro anual das bibliotecas escolares do noso concello que iba a realizarse o venres 24 de abril, haberá a través das redes sociais do Concello de Tui o acceso a unha mensaxe que cada centro bibliotecario ofrecerá para conmemorar esta data e lembrar a todos que a lectura é unha boa alternativa para este tempo de confinamento.
Con estas dúas propostas a Biblioteca Municipal e a
concellería de Cultura do Concello de Tui procuran ideas para continuar
traballando a prol do libro e a lectura dende o convencemento que é unha
ferramenta básica para o desenvolvemento persoal e social.
PLATAFORMA 'GALICIA LE'
Tamén a Biblioteca Municipal lembra as posibilidades que na rede existente para o acceso de balde a numerosos recursos bibliográficos a disposición de todos. Lembramos que os nosos socios ou calquera cidadán pode acceder a “Galicia Le” (https://www.galiciale.gal/).
GaliciaLe é a plataforma de préstamo de libros, revistas,
audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas
que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura.
GaliciaLe proporciona un servizo de préstamo temporal de obras en formato
dixital de temáticas diversas no que os intereses de todas as persoas lectoras
terán o seu espazo (ficción, informática, historia, ocio etc.) e todas as
idades o seu lugar.
En GaliciaLe o lector atopará dous catálogos: un que
contén o “Catálogo galego” e outro que aloxa o “Catálogo en castelán”. As obras
incluídas nestas dúas contornas poderán lerse e visionarse en dispositivos
compatibles: tabletas, teléfonos móbiles e ordenadores persoais. No caso dos
libros, poderá facelo, ademais, desde un lector de libro electrónico.