Tui vibra este domingo con Heredeiros da Crus, viños da Raia e música para todos os gustos
A xornada de hoxe en Tui vén cargada de propostas para todos os públicos dentro das festas de San Telmo. O plato forte da noite será o concerto de Heredeiros da Crus ás 19.30 h no Espazo Feiral. A banda galega, co seu inconfundible estilo que mestura rock irreverente e retranca, promete un espectáculo enerxético con clásicos como "Quero josar" e temas do seu novo traballo "Trankimasin", co que inician a súa xira precisamente na localidade tudense.
Por outra banda, o Mercado de San Antonio continúa celebrando dende as 12 h o IV Encontro de Viños da Raia, que abrirá en horario de 12 a 16 h e de 20 a 23 h. Unha excelente oportunidade para descubrir viños de autor das dúas beiras do Miño, tanto brancos, tintos como espumosos, das doce adegas participantes. Os viños poderanse degustar xunto ás propostas gastronómicas doces e salgadas de Almacén Urbano, D’Calle, Maruxa Market e Vionkas. As actividades paralelas tamén terán continuidade, con inscrición previa na Oficina de Turismo: unha demostración culinaria con maridaxe do chef Javier Freijeiro do Restaurante Pracer ás 12 h, unha cata comentada sobre "Os viños da raia a partir do século XX" polo enólogo tudense Manuel Areal ás 18 h, e a presentación "Vinhos do Atlântico" de Valença ás 19.30 h. A charanga tudense A tu Ritmo amenizará o ambiente no Mercado de 12 a 14 h e de 20 a 22 h.
A música tamén terá protagonismo noutros espazos da vila. Ás 12.30 h, a Banda de Música Popular de Tui ofrecerá o seu primeiro concerto das festas no espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela. Neste mesmo lugar, ás 18 h actuará a Banda de Música Xuvenil de Xinzo. E para rematar a noite musical neste espazo, ás 21.30 h, o enérxico son soul e funk de Good God!, liderado por Abel Trigó e co tudense Lucas Fernández ao baixo, encherá de ritmo a rúa Camilo José Cela.
Para os amantes do folclore, o Teatro Municipal acollerá a partir das 17.00 h unha nova edición do Festival Folclórico Festas de San Telmo, coa participación de numerosas asociacións tudenses que ofrecerán muiñeiras, ribeiranas, pandeiros e outros temas tradicionais.
Finalmente, debido á previsión de choiva, o pasarrúas previsto para as 18 h na Corredoira a cargo de Mariposas Hípica Celta foi aprazado.