Tui tórnase sefardí
Visitas guiadas, exposicións, conferencias, xornadas de debuxo, concertos, e gastronomía centran o amplo programa que ao longo do mes de setembro se vai celebrar en Tui baixo o título de “Setembro xudeu en Tui”. Está promovido polo concello de Tui a través da Concellería de Turismo e Patrimonio e dentro das Xornadas Europeas da Cultura Xudía, que a cidade celebra anualmente pondo en valor o seu importante legado xudeu. Nas xornadas este ano prestarase especial atención á figura do medico e filósofo tudense Francisco Sánchez, ao cumprirse o próximo 16 de novembro o cuarto centenario do seu falecemento en Toulouse.
A Asociación Europea para a Preservación e Promoción da Cultura o Patrimonio Xudues (AEPJ) da que forma parte a Red de Juderías de España promove este ano estas xornadas en 35 países co lema “Memoria”, coma chave colectiva e individual que transmitiu e mantivo a cultura xudía ao longo dos séculos.
Ao longo do mes de setembro realizaranse visitas guiadas á colección de Sambenitos no Museo Diocesano, á Ruta Xudía de Tui, así coma por outros puntos de interese da cidade cos títulos “Nacemento e crise da comunidade xudaica, unha ollada no urbanismo histórico de Tui” ou “Ourives xudeus e criptoxudeus tudenses” a cargo de Suso Vila, José Ramón Fernández, Rafael Sánchez Bargiela e Sara Quintana.
Dentro deste programa “Setembro Xudeu en Tui” poderanse visitar as exposicións “Tu pueblo será mi pueblo” cedida pola Red de Juderías no Anexo Sala Municipal de Exposicións e a mostra divulgativa sobre Francisco Sánchez na Corredoira.
Tamén ao longo do mes haberá distintas conferencias nas que Elyjah Byrzdett abordará “El problema converso” e Suso Vila, Rosendo Bugarín e Laureano Alonso distintos aspectos da figura de Francisco Sánchez.
Outras actividades serán o concerto que ofrecerá Marta Quintana na igrexa de San Domingos, ou a Xornada de Debuxo ao aire libre do patrimonio xudeu de Tui en colaboración co Colectivo de Urban Sketchers de Galicia e de Portugal.
A gastronomía estará presente tamén nestas actividades. Por unha banda dende este sábado e un total de catorce establecementos tudenses participan nas Xornadas Gastronómicas Sefardís ofrecendo pratos e tapas co ballacau coma protagonista. Amais Javier Zafra, cociñeiro e director do proxecto Sabores de Sefarad da Red de Juderías ofrecerá un obradoiro de elaboración e degustación de receitas de cociña xudeoespañola e unha conferencia sobre as claves e mensaxes da cociña xudía. Para estas dúas actividades é preciso inscrición previa en turismo@tui.gal.
Na praza do Concello esta colocada xa a “Porta da Memoria”. Tomando unha foto na mesma e compartíndoa nas redes sociais coas etiqueas #memoria e #redjuderias ou enviándoa ao correo descubridores@redjuderias.org entrarase no sorteo de distintos premios a través da Red de Juderías, da que Tui forma parte.
A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Nuñez, destaca que o amplo programa de actividades que se realizara ao longo do mes de setembro “ten vocación de continuidade e pon de manifesto a aposta que o Concello de Tui realiza pola promoción do patrimonio xudeu da nosa cidade que constitúe un dos aspectos do amplo acervo patrimonial que atesoura a cidade”. Ana Núñez manifesta o agradecemento pola colaboración na realización das actividades previstas ao Cabido da Catedral, do Museo Diocesano que abrirá excepcionalmente para as visitas guiadas, así coma as persoas que guiarán as visitas e ofrecerán as conferencias, ao colectivo Urban Sketchers e aos establecementos de hostalaría que se suman a este evento.
O lema deste ano nas Xornadas Europeas da Cultura Xudía “Memoria” é un concepto entretecido en moitos aspectos da vida e a práctica xudías, como é fundamentalmente no sentido de recuperación do pasado. Un concepto que permite seguir as pegadas e a memoria naqueles lugares onde houbo presenza xudía, e que a pesar da súa desaparición conserva aínda na actualidade unha herdanza e un patrimonio sen o cal non seriamos capaces de entender o presente, e cuxo legado, de xeración en xeración, constitúe un tesouro fundamental na transmisión da identidade. Hoxe, temos a sorte de contar en Tui con testemuños materiais e inmateriais que permiten coñecer e pór en valor este importante e enriquecedor patrimonio. Cómpre lembrar que Tui forma parte da Red de Juderías de España, e que máis aló das actividades concretas organizadas ao longo do mes de setembro a Ruta Xudía conta cunha sinalización permanente e pode seguirse tamén a través de https://rutajudia.turismotui.mobi/ cun itinerario xeolocalizado e con información complementaria á existente nos sinais.
- Casa Pote. r/ Colón
- Cruceiro do Monte. Randufe.
- El Molino. Augusto González Besada
- Enma. r/ Seixas
- Época. Avenida da Concordia
- Ideas Peregrinas. r/ Porta da Pía
- Jaqueyvi. Praza do Concello
- Monte Aloia.
- O Albergue. r/ Seixas
- O Novo Cabalo Furado. Praza do Concello
- O Vello Cabalo Furado. R/ Seixas
- Parador de Turismo San Telmo. r/ Tenencia
- Puro Sabor. r/ Ourense
- Tapas e Viños. r/ Seixas
Sábado, 2 de setembro
Ás 12.00 h Visita guiada “Nacemento e crise da comunidade xudaica, unha ollada no urbanismo histórico de Tui” polo historiador Suso Vila. Inicio na Oficina Municipal de Turismo de Tui.
Domingo, 3 de setembro
Ás 12.00 h Visita guiada á colección de Sambenitos do Museo Diocesano polo historiador Rafael Sánchez Bargiela. Inicio na Oficina Municipal de Turismo de Tui.
Martes, 5 de setembro
Apertura exposición “Tu pueblo será mi pueblo” cedida pola Red de Juderías. Anexo Sala Municipal de Exposicións. Ata o 24 de setembro.
Mércores, 6 de setembro
Ás 20.00 h Conferencia Elyjah Byrzdett: “El problema converso”. Na Sala Félix Rodríguez González.
Domingo, 10 de setembro
Ás 12.00 h Visita guiada á colección de Sambenitos do Museo Diocesano polo historiador Rafael Sánchez Bargiela. Inicio na Oficina Municipal de Turismo de Tui.
Xoves, 14 de setembro
Inauguración exposición divulgativa sobre Francisco Sánchez. No Paseo da Corredoira.
Sábado, 16 de setembro
Xornada de debuxo ao aire libre do patrimonio xudeu de Tui. En colaboración con Colectivo de Urban Sketchers de Galicia e de Portugal.
Ás 12.00 h Visita á Ruta Xudía de Tui pola historiadora da arte e guía oficial Sara Quintana. Inicio Oficina Municipal de Turismo.
Domingo, 17 de setembro
Ás 11.30 h Visita guiada “Ourives xudeus e criptoxudeus tudenses” polo historiador da arte José Ramón Fernández Fernández. Inicio na Oficina Municipal de Turismo
Ás 20.00 h Concerto de Marta Quintana. Na igrexa de San Domingos.
Mércores, 20 de setembro
Ás 20.00 h Conferencia Francisco Sánchez “A cidade de Tui na vida de Francisco Sánchez: entre a renovación urbana e a chegada dos xudeoconversos” por Suso Vila. Na Sala Félix Rodríguez González.
Venres, 22 de setembro
Ás 20.00 h Conferencia Francisco Sánchez “Francisco Sánchez médico” por Rosendo Bugarín. Na Sala Félix Rodríguez González.
Domingo, 24 de setembro
Ás 17.30 h Visita guiada ao patrimonio xudeu tudense. Inicio na Oficina Municipal de Turismo.
Ás 19.00 h Cociñando a historia. Elaboración e degustación de receitas do libro “Sabores de Sefarad, los secretos de la cocina judeoespañola” polo chef Javier Zafra. Na Praza de San Fernando. Prazas limitadas. Inscrición en turismo@tui.gal.
Luns, 25 de setembro
Ás 19.30 h Charla “Gastrosimbología, conocer las claves y los mensajes de la cocina judía” polo chef Javier Zafra. Na Sala Félix Rodríguez González. Prazas limitadas. Inscrición en turismo@tui.gal.
Mércores, 27 de setembro
Ás 20.00 h Conferencia Francisco Sánchez “Francisco Sánchez, un tudense universal” por Laureano Alonso Álvarez. Na Sala Félix Rodríguez González.
Inauguración exposición biográfica sobre Francisco Sánchez. No Anexo Sala Municipal de Exposicións. Até o 16 de novembro.
Visita autoguiada á ruta xudía de Tui: https://rutajudia.turismotui.mobi/