Tui reinventa su comercio con Commerce Inside
Tui é un dos dez concellos da provincia onde se vai desenvolver o proxecto Commerce Inside. O obxectivo do mesmo é transformar o comercio minorista local dotándoo das ferramentas precisas para afrontar os retos competitivos do futuro vinculados á actividade turística.
O Concello de Tui aprobou hai uns días en pleno habilitar 17.426,22 € que corresponden á aportación municipal deste proxecto que ascende a 140.571,52 €. O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo aportará 81.322,37 €, e a Deputación de Pontevedra 59.249,15 € no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
Coa execución de Commerce Inside contémplanse por unha banda investimentos na vía pública coa creación de tres zonas de descanso verdes con cargadores solares, sinalética integrada da oferta comercial en zonas axardinadas e a colocación de dous tótems interactivos ou puntos de información intelixente do sector comercio integrados con Tourist Inside.
Por outra parte, búscase ampliar a cualificación profesional dos empregados do comercio minorista, para o que se impartirán cursos en liña de inglés, francés e portugués.
Tamén persegue potenciar a posta en marcha de novas iniciativas de comercio de proximidade e a mellora de fluxos de economía circular que potencien a sostibilidade, o que irá en consonancia cos ODS fixados na Axenda Urbana na que traballa o Concello de Tui. Para isto instalaranse dúas illas ecolóxicas para o depósito de biorresiduos e cartón e promocionaranse novas propostas de packaging sostible reutilizable, máis respectuosas co ambiente.
Outro dos eixos de actuación será a dixitalización do sector comercial e a realización de accións dirixidas á transformación dixital cara un Destino Turístico Intelixente e Sostible. Así, en Commerce Inside contémplase o desenvolvemento dunha plataforma de xestión de áreas comerciais, a creación de contidos vinculados ao comercio en zonas turísticas e un directorio enlazable con Tourist Inside, así como a instalación ou reforzo de wifi nas áreas comerciais.