Tui, puro espectáculo

Troula.

Catropés, The Buckets, Rolando Rondinelli, La gata japonesa, Kumpania Algazarra e Fermín Mora actuarán o sábado e Adrián Conde, o Trío Detrés, Fermín Mora, Kanbahiota e Fora de Pauta na xornada dominical

Teatro, música e marinetas de gran tamaño conquistaron xa hoxe as rúas e prazas da Eurocidade Tui-Valença na segunda edición do Festival Internacional de Artes de Rúa, FIAR. O festival, con entrada gratuíta, presenta novos espectáculo mañá sábado e o domingo.

Un espectáculo circense será o encargado de abrir a programación do sábado. Catropés presenta “Animacreques”, unha proposta con zancos, baile e música que tinxirá as rúas de virtuosismo circense e manobras divertidas. Haberá dobre función ás 16 hora española na praça da República na Fortaleza de Valença e ás 19.30 h entre o Paseo da Corredoira e a praza de San Fernando en Tui.

Chegará a música no seu estado máis puro e para toda a  familia da man de The Buckets co seu “The Street Show”, que conquistará a praça da República na Fortaleza de Valença ás 17 hora española e, ás 20.30 h a Praza de San Fernando en Tui.

Seguindo o ritmo musical, a danza e a diversión da melodía, Rolando Rondinelli ofrecerá o seu espectáculo “Tip Tap Pum”, mesturando tamén teatro xestual e tap-dance, para todas as idades. O curioso é que, para facela súa música, empregará todo tipo de obxectos, dende culleres até perolas de cociña. A cita será ás 18 hora española no Jardim das Amoreiras en Valença e ás 22.30 h na Praza de San Fernando en Tui.

A Tui chegará mañá sábado La gata japonesa, co espectáculo “Los viajes de Bowa”, que mestura maxia, acrobacias aéreas, humor e, incluso, poesía. Será ás 21.30 h no paseo da Corredoira.

Como broche final a esta segunda xornada do FIAR terá lugar, no Jardim Municipal de Valença, a Gala con Kumpania Algazarra, Rolando Rondinelli e Fermín Mora, que unirán os seus estilos neste espectáculo. Será ás 23 hora española.

Xa no domingo, último día do FIAR, inaugurarase a xornada con maxia, da man de Adrián Conde co espectáculo “El Gran Braulio”. Con Braulio, mago que pensa que é o mellor do mundo as risas están aseguradas. A cita será tanto en Valença coma en Tui, ás 16 hora española no Jardim das Amoreiras e ás 19.30 h no paseo da Corredoira.

E máis humor da man do Trío Detrés con "+Ritmo", que mestura humor con versións de jazz, latino, clásico, temas propios, swing e, incluso, bandas sonoras. A cita será, en primeiro lugar, na praça da República de Valença ás 17 hora española; e, ás 20.30 h terá lugar o sea espectáculo itinerante do paseo da Corredoira ata a praza de San Fernando.

Despois, Fermín Mora terá por obxectivo conseguir a colaboración do público e se esforzará na súa animación co seu espectáculo "Bien JOUÉ", onde os xogos, as risas e a música serán protagonistas. O evento terá lugar na cidade lusa, ás 18 hora española no Jardim das Amoreiras, e ás 22.30 h no Paseo da Corredoira.

Ás 21.30 h chegará ao Paseo da Corredoira Kanbahiota, co seu espectáculo "La coquette" con humor, circo e, dende logo, moita diversión. Os protagonistas serán dous personaxes dos anos 50 que terán que esmerarse moito para sacar adiante a súa posta en escena.

Como broche final a esta segunda edición do Festival Internacional de Artes na Rúa, Fora de Pauta, co espectáculo "Old Bridge" conquistará Valença coas súas notas musicais. A cita será ás 23 hora española no Jardim Municipal.

Toda a programación, horarios e emprazamentos do festival poden consultarse en www.tui.gal