Tui permitirá ampliar terrazas e anula a taxa de ocupación
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro anunciou este xoves ao sector hostaleiro e de restauración do municipio a exención das taxas das terrazas a todos os establecementos desde o inicio da declaración do Estado de Alarma e durante o tempo que se manteña esta situación extraordinaria. Esta decisión foi acadada no seo da corporación municipal. Esta medida acompañarase ademais, da posibilidade de ampliar os espazos ocupados polas terrazas para facilitar así o cumprimento das recomendacións de distancias entre mesas e evitar a redución da capacidade na medida do posible.
Coa finalidade de
facilitar ao máximo o procedemento de adhesión a esta medida por parte dos
hostaleiros interesados, o Concello simplificará os trámites administrativos e
só se deberán tramitar as peticións mediante instancia xenérica (cuxo modelo se
pode descargar na sede electrónica ou en tui.gal) . Poderá presentarse a través
da sede electrónica; de maneira telemática (comercio@tui.gal)
ou por rexistro de entrada, indicando localización do local, proposta de
ampliación e datos de contacto dos propietarios ou responsables. A partir dese
momento, serán os servizos técnicos os que de forma individualizada estudiarán
e resolverán caso a caso, atendendo ás características hostaleiras,
urbanísticas e ambientais das instalacións e á súa relación coa contorna.
Por outra banda e
coa finalidade de habilitar o maior espazo público posible o Goberno Municipal
está axilizando a peonalización de diferentes rúas que permitan a convivencia
da actividade comercial da cidade e un maior espazo público para o goce dos
veciños e visitantes. En canto as condicións meteorolóxicas o permita
comezarase polo Paseo da Corredoira.
A partir do
próximo luns 11 de maio, no caso de entrar na Fase 1 da desescalada, os
establecementos hostaleiros poderán atender aos seus clientes unicamente nas terrazas
e co 50% da súa capacidade habitual, para garantir o distanciamento entre
mesas. Neste senso o alcalde facía un chamamento á “responsabilidade de todos”
en canto a que “un retroceso ocasionaría un importante prexuízo na imaxe de
seguridade que hoxe ofrece a nosa cidade”.
O goberno
municipal entende que a hostalaría, xunto co comercio, serán os sectores máis
golpeados tras case dous meses de paralización da actividade económica. Coa
exención da taxa das terrazas e a ampliación do espazo das mesmas preténdese
facilitar a recuperación da actividade no sector hostaleiro.
Esta medida únese
as xa adoptadas e enmárcase dentro Plan de Reactivación local no que está a
traballar o Equipo de Goberno e que incluirá novas medidas que contribuirán a
paliar os efectos da crise económica e sanitaria no tecido empresarial local.