Tui organiza os espectáculos do verán con reserva previa de entrada gratuíta
“Volvemos á rúa!” é o lema da programación cultural que este verán se vai desenvolver en Tui.
A Axenda Corredoira Cultural recolle a véntena de eventos previstos este verán xunto a un avance da programación de outono.
Semanalmente están programados espectáculos os mércores, xoves e venres, actuacións de rúa os sábados e domingos, e concertos os domingos 26 de xullo e 16 de agosto.
A Banda de Música Popular de Tui ofrecerá catro concertos este verán na praza de San Fernando cun capacidade limitada a 100 espectadores. Será os mércores 15 e 22 de xullo e o 12 e 19 de agosto. Amais no eido musical actuarán as charangas Cantos Somos e A Tu Ritmo o mércores 29 de xullo e o mércores 5 de agosto, respectivamente.
No Paseo da Corredoira os xoves haberá espectáculos de rúa con música e teatro con Píscore con “Concerto Singular” (16 de xullo), maxia con Dani García con “Don Gelati” (23 de xullo), teatro de monicreques con Fantoches Baj con “Os romeiros do caracol” (30 de xullo), novo circo con Sempre Arriba con “C´est pas possible” (6 de agosto), teatro con Ghazafelhos con “Acuario” (13 de agosto), e danza con Pistacatro con “Baila un vestido verde” (20 de agosto). A capacidade está limitada a 100 espectadores.
O cinema estará tamén presente nesta programación con dúas propostas. No Paseo Fluvial, con capacidade para 300 espectadores proxectarase “Súpez López” (17 de xullo), “E.T.” (31 de xullo), “Peter Rabbit” (7 de agosto) e “Mascotas” (21 de agosto). Coma novidade haberá autocine no aparcamento municipal na traseira da Área Panorámica con capacidade para 100 coches poderá visionarse “Grease” e “Jocker” os venres 24 de xullo e 14 de agosto, respectivamente. Será nunha pantalla de 150 m2 con sistema de son a través da sintonización da frecuencia FM que se indicará en cada proxección.
Para os domingo 26 de xullo e 16 de agosto están programados dous concertos a cargo de Leilía e Roi Casal con capacidade para 300 persoas e 150 de pé na rúa Compostela. Leilía celebra os seus 30 anos no mundo da música con “CantarElas” no que repasan os seus temas máis emblemáticos xunto a outros menos coñecidos. Mentres Roi Casal presentara “Son Galego, son Cubano”.
Do 1 ao 7 de agosto celebrarase o XIV Música no Claustro, Festival de Música, Patrimonio e Creación no claustro gótico da Catedral de Tui, cunha programación que se dará a coñecer proximamente.
A música estará moi presente os sábados e domingos ás 21 h, entre o 18 de xullo e o 20 de setembro, con pasarrúas a cargo de grupos de gaitas, folclóricos, pandereteiras… nunha aposta pola nosa cultura tradicional e os nosos grupos.
RESERVA PREVIA
Para acudir a cada un destes espectáculo do verán será preciso realizar reserva previa de entrada, de xeito gratuíto, cun máximo de tres por persoa, en www.enterticket.es dende ás 12 h do luns da semana do espectáculo, até o mesmo día ás 12h.
Os accesos a cada espectáculo abriranse 30 minutos antes do comezo salvo para o cinema que será 60 minutos antes, e para os concerto de Leilía e Roi Casal nos que o acceso será dende 90 minutos antes. Cómpre destacar que as entradas non validadas 10 minutos antes do inicio do espectáculo poderán reasignarse a outra persoa.