Tui honra a Gustavo Rodríguez
A corporación municipal de Tui recibía o mércores, no Salón de Plenos da Casa do Concello, ao deportista tudense Gustavo Rodríguez que o pasado sábado logrou a medalla de prata en Tríatlon coma guía de Héctor Catalá nos Xogos Paralímpicos de Toquio.
Gustavo Rodríguez recibiu as felicitacións do alcalde, Enrique Cabaleiro, do resto do equipo de goberno e de todos os integrantes da corporación municipal alí presentes, nun acto sinxelo e emotivo ao que o deportista acudiu acompañado da súa familia. A continuación Gustavo Rodríguez saíu ao balcón do concello para saudar a cidadanía congregada na praza de Concello onde recibiu o cariño dos seus veciños e veciñas a quen o deportista dedicoulles unhas palabras de agradecemento.
Gustavo Rodríguez é o oitavo deportista tudense en participar nuns Xogos Olímpicos, e o segundo en lograr unha medalla olímpica.
Lembramos que até o de agora só Enrique Miguez contaba cunha medalla olímpica, a de bronce, lograda xunto a Narciso Suárez, en Los Ángeles 84, participando tamén nos Xogos Olímpicos de Seul 88 e Barcelona 92.
Son tamén olímpicos os deportistas Pedro Areal en Barcelona 92 e Sidney 2000; Jacobo Moroño e Jose Ignacio Bugarín en Barcelona 92; Suso González en Atenas 2004; Frank Casañas en Londres 2012 e Óscar Carrera en Río 2016.
O nome de Gustavo Rodríguez pasará a figurar na placa situada na rúa Olímpicos Tudenses.