Tui destina 280 mil euros ao mantemento e impulso do tecido empresarial local
Reactiva Tui é o nome
do Programa Municipal de Axudas Extraordinarias de Emerxencia que ten coma
obxectivo mantemento e impulso do tecido empresarial local. Onte en pleno foron
aprobadas as bases reguladoras deste programa ao que o Concello de Tui
destinará 280 mil euros, procedentes do remanente de tesourería, para impulsar
os negocios que tiveron que pechar debido á Covid-19.
A crise sanitaria
requiriu a posta en marcha dunha serie de medidas de confinamento e limitación
das actividades económicas que están a deixar ao seu paso un escenario económico
e empresarial de extrema gravidade. O Concello de Tui, consciente dos retos aos
que se enfronta o tecido empresarial local aposta por poñer en marcha un plan
de choque de apoio empresarial a escala municipal. Este plan de choque inclúe
medidas en distintos ámbitos temáticos, tales como a seguridade e saúde, a
fiscalidade, o fomento do uso das tecnoloxías e a promoción económica, entre
outros.
A posta en marcha
dunha parte destas medidas articúlase a través da concesión de subvencións ás
pequenas empresas e autónomos do municipio, cuxas bases reguladoras foron
aprobadas onte polo pleno municipal. Á convocatoria, que será publicada no
Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, poderán presentarse os
traballadores autónomos, microempresas e pequenas empresas cuxo domicilio
fiscal e local comercial afecto á actividade radique no termo municipal de Tui
e permanecese pechado ao público como consecuencia das medidas derivadas da
declaración do estado de alarma provocado polo COVID-19 .
Catro serán catro
as liñas que poderán ser obxecto de subvención:
• Gastos de aluguer do local comercial
efectivamente realizados desde a declaración do estado de alarma ata un máximo
de catro meses.
• Gastos asociados á transición cara ao
comercio online ou a optimización do existente.
• Gastos derivados do cumprimento das
especificacións de servizo, limpeza, desinfección, mantemento e xestión do
risco derivadas das medidas para a redución do contaxio polo coronavirus SARS-
COV-2.
• Axudas para financiar investimentos
para acondicionamento de locais comerciais polos efectos da COVID-19 e para
lograr espazos máis seguros.
Os interesados terán
un prazo de quince días hábiles para a súa solicitude tras a publicación das bases
no Boletín Oficial da Provincia.