Tui anda a procura de fondos para convertir o 'Cárcere Vello' en albergue de peregrinos
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, mantivo un encontro coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, para presentarlle o proxecto de intervención no edificio municipal do 'Cárcere Vello' coa finalidade de convertelo nun centro de acollida a visitantes e peregrinos e que contribúa á posta en valor da nosa cidade e dos seus recursos patrimoniais e turísticos.
A iniciativa tudense foi favorablemente acollida pola directora de Turismo de Galicia tras trasladarlle o alcalde a petición dunha posible colaboración no financiamento deste centro que quere configurarse como un recurso turístico e cultural de primeiro nivel que busca prolongar a estadía media do turista na cidade e a dinamización económica de toda a zona histórica, así como contribuír á valoración do conxunto patrimonial tudense tanto para visitantes, turistas e peregrinos como para a propia veciñanza.
O alcalde de Tui estivo acompañado polo concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso. No decurso da reunión de traballo, na que tamén estaba presente o director de Administración do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, analizaron amais algunhas das necesidades de intervención na traza da ruta xacobea en Tui. Concretamente, na petición municipal de abordar melloras na Fonte do Ouro ou de Freanxo e na Ponte das Febres. No primeiro caso para unha mellora estética do lugar e do seu entorno, en no segundo caso, para unha prolongación da actual pasarela de madeira que incremente a seguridade no paso dos peregrinos. Coincidiron os representantes do Concello de Tui e de Turismo de Galicia en reclamar diante do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana a execución do proxecto de humanización da fronteira tudense, entrada do Camiño en Tui / Galicia / España e que presenta un desleixo que cómpre corrixir.
O cárcere vello, situado na rúa Sanz en pleno Camiño de Santiago, data de 1.584 e acolleu as antigas Escolas Taller. O proxecto redactado pola empresa Trivium pretende poñer en valor o magnífico patrimonio e legado histórico de Tui. Os espazos expositivos contarán coa tecnoloxía máis punteira. Os visitantes poderán realizar experiencias audiovisuais inmersivas a través de holografías e paneis interactivos que percorrerán as diversas etapas históricas da cidade e os seus mais egrexios veciños. A exposición permanente contará cunha sala dedicada en exclusiva ao Camiño Portugués a Santiago.
O Centro Cárcere Vello de Tui está previsto sexa tamén un lugar de acollida de peregrinos que disporán dunha consigna onde poderán gardar os seus vultos e visitar tranquilamente o centro da cidade. O complexo disporá dunha zona recreativa con espazos verdes, fonte, bancos, aparcadoiro para bicicletas, e servizos de venda de bebidas. O patio do Cárcere Vello estará aberto para conformar unha nova praza pública para o goce de tudenses e visitantes.
O Centro Cárcere Vello será completamente accesible grazas á instalación de elementos de mobilidade e paneis informativos adaptados para persoas con diversidade funcional e cognitiva. Contará ademais cun Programa Didáctico, con varios espazos reservados a tal fin, con actividades e visitas dirixidas á comunidade educativa.