Trofeo Xunta Campionato de Só Danza e Parellas

Mos presenta o Trofeo Xunta Campionato de Só Danza e Parellas

No Trofeo Xunta Campionato de Só Danza e Parellas que se disputará o sábado no Pavillón Óscar Pereiro participarán uns 30 patinadores e patinadoras de entre 11 e 25 anos de idade pertencentes a 5 clubes de patinaxe das cidades de A Coruña e Vigo. Deportistas de diferentes categorías que van desde Infantil a Senior, tanto masculino coma feminino, e individual e parellas de Artístico e Danza.

Esta mañá tivo lugar no Pavillón Óscar Pereiro a presentación do Trofeo Xunta Campionato de Só Danza e Parellas que organiza o Club Patín Vagalume Celtamotor e que terá lugar o vindeiro sábado, 19 de marzo, de 09.00 a 20.00 horas tamén no Pavillón Óscar Pereiro.

Na devandita presentación, que tivo lugar ás 10.00 horas, estiveron presentes Daniel Benavides Alonso, xefe de servizo do Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Areal, concelleiro de Deportes do Concello de Mos, Miguel Quereizaeta Costas, presidente do Club Vagalume, Alberto Covelo, presidente do Comité de Patinaxe Artística da Federación Galega de Patinaxe e Beatriz Fernández Bahamonde, adestradora do Club Vagalume.

A entrada para o público será totalmente libre e gratuíta polo que os amantes do deporte en xeral e da patinaxe en particular poderán achegarse para gozar dunha xornada do mellor espectáculo sobre patíns.

Desde o Club Vagalume quixeron esta mañá “agradecer tanto á Xunta de Galicia como ao Concello de Mos a man tendida, a disposición e as facilidades para poder celebrar este trofeo nunhas instalacións excepcionais como as do Pavillón Óscar Pereiro”.