'Tradición en camiño'
Sete grupos de gaitas mosenses percorrerán o Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio, facendo parada nas Angustias, Veigadaña, o Pazo de Mos e a Capela de Santiaguiño
Ao marxe das modas, dende o Concello de Mos traballamos pola música tradicional e sabemos que temos que seguir poñendo en valor o patrimonio cultural desta parte imprescindible da nosa cultura sen outra contrapartida que a de estar seguros de estar facendo futuro. Con este norte dende a concellería de Cultura e da man do Círculo Cultural Abrente de Mos, e do seu mestre Xaime Estevez; xurdiu en 2022 está iniciativa que consiste en facer unha peregrinaxe reivindicativa da música tradicional polo tramo do camiño de Santiago do noso concello (Mos). Sobre oito quilómetros. Non todas as músicas poden facer o mesmo e por isto a idea foi xuntar a nosa música tradicional con este impresionante patrimonio cultural que representa o camiño portugués neste tramo é toda unha demostración de que somos máis música do camiño que ningunha e que inclusive podemos reclamar sen medo o primeiro plano da súa paisaxe sonora. Moitos peregrinos confesan que cando chegan a Santiago xunto coa contemplación da praza do Obradoiro o que máis lle emociona é o son da gaita.
'Tradición en camiño' quere ser un ano mais unha iniciativa para poñer en evidencia indiscutible o papel da música tradicional galega na cultura do noso pobo. “Somos emoción que chega ao espírito do camiñante, emoción que segue cando pecha os ollos, pero tamén cando os abre, podemos formar parte da mellor oración, da mellor viaxe sonora” afirma Xaime Estevez.
Temos a complicidade das asociacións da música tradicional para poder redondear esta proposta. Esta fin de semana teremos, co permiso do noso Santo Santiago, a segunda peregrinaxe da música tradicional polo camiño de Santiago en Mos, entre O Porriño e Redondela. Poremos en valor, por segundo ano consecutivo, a cultura da música tradicional do noso concello pero tamén de toda Galicia .Iremos tocando e cantando!!!
Celebrarémolo este próximo domingo, día 30 de abril. Durante toda a mañá, 7 agrupacións musicais que suman un total de 250 músicos (entre gaitas e percusión) tocarán en 4 ubicacións diferentes de Mos, todas elas ao pé do Camiño de Santiago Portugués ao seu paso pola localidade mosense.
As localizacións e horarios previstos son os seguintes: ás 10.00 horas Capela das Angustias en Sanguiñeda, ás 11.15 horas Albergue de Peregrinos da Veigadaña, ás 12.30 horas Pazo de Mos, e ás 13.45 horas Capela de Santiaguiño en Guizán.
Os grupos musicais que amenizarán esta xornada de música tradicional ao pé do Camiño de Santiago ao seu paso por Mos son: Banda de Gaitas de Herville, Grupo de Gaitas Nosa Terra de Pereiras, Xiada Gaiteiros Refrescantes, Banda de Gaitas Airiños do Castelo, Grupo de Gaitas Son do Abrente, Gaiteiros Ruada de Torroso, e o Coro Galego do Abrente.