O Santísimo Sacramento terá alfombrado o camiño neste Corpus Christi ponteareán
Ponteareas xa ole a Corpus. A vila prepárase para volver celebrar a súa festa grande con total normalidade, coas súas alfombras florais ao 100%, moita ilusión e unha ampla programación na que música, actividades e recendo a flores serán as grandes protagonistas.
“Despois de dous anos atípicos recuperamos o ambiente tradicional desta festa con máis de 165 anos de historia. Ilusiónanos que a festividade das semanas previas volva ás nosas rúas, gozar dos portais cheos de veciños e veciñas esfollando as flores e preparando todo o necesario para crear verdadeiras obra de arte efémero e da ledicia contaxiosa de traballar toda a noite para plasmar eses debuxos que sempre nos sorprenden e dos aromas que tantos sentimentos espertan en todas e todos nós”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández Davila. A rexedora convida a veciñanza e visitantes a experimentar a festa grande de Ponteareas dende os días previos.
A programación comezará esta mesma fin de semana con varias actividades relevantes. Así, o venres 10 de xuño terá lugar a tradicional presentación da revista Pregón ás 20.30 h na sala multiúsos do auditorio municipal amenizada pola música de Zeus Alfaya e Serghei Maximov. Xa o domingo 12 de xuño, tras a inauguración da exposición ‘Corpus en flor’, a musicóloga ponteareá Esther Sestelo Longueira lerá o pregón do Corpus Christi 2022. Será ás 13.00 h na sala multiúsos do auditorio municipal e contará coa actuación musical do grupo Mallou.
Ese mesmo día comezará a animación musical nas rúas, que o domingo será a cargo do grupo folclórico da Casa Cultural de Areas, o luns 13 do grupo Senfol, o martes 14 de Os Muíños de Oliveira, o mércores 15 de Pedra da Garza, o xoves 16 do grupo folclórico San Salvador de Padróns e o venres 17 da agrupación folclórica Algazara. Todas as actuacións comezarán ás 20 h e percorrerán os distintos portais alfombristas.
A fin de semana grande da nosa Festa de Interese Turístico Internacional arrancará o propio venres 17 co concerto da Banda de Música Reveriano Soutullo ás 21.30 h na Praza Fernández Vega. Será a antesala a dous días cheos de alfombras, traballos e moita ilusión. Na tarde do sábado 18 comezarán os traballos de confección das diferentes pezas de arte floral, que durante a noite estarán acompañados de animación musical en diferentes puntos da vila.
Xa o domingo 19 ás 10.30 h terá lugar a recepción de autoridades na Casa do Concello coa Agrupación Musical Nosa Sra. do Carme, que ás 12.30 horas acompañará a tradicional procesión do Corpus Christi. Pola tarde a música, a ledicia e a cor volverán encher as rúas dende as 19.00 h co tradicional desfile de carrozas e a batalla de flores. A música regresará ás 21.30 h co concerto de Leilía na Praza Bugallal, e a xornada rematará coa verbena a cargo da orquestra Saudade, dende as 23 h na Praza Maior.
O luns 20, festivo local, a festa comezará ás 12.00 co tobogán acuático xigante na rúa Braña, do que se poderá gozar ata as 20.00 horas. Ás 17.00 horas haberá animación infantil no centro urbano e ás 20.00 horas celebrarase a ofrenda floral diante do Monumento ao alfombrismo en memoria das e dos ponteareáns que tanto se implicaron na celebración da festa grande de Ponteareas. A entrega de medallas do Corpus no parque da Feira Vella ás 21.00 h, a animación musical no centro urbano e a verbena a cargo da orquestra Tango ás 22.30 h na Praza Maior porán o broche de ouro a unha celebración que converterá un ano máis a Ponteareas en referente mundial da arte floral efémera.