San Paio de Navia, case 23.000 metros cadrados de zonas verdes

A ampliación de San Paio de Navia impulsada pola Xunta para reforzar a oferta de vivenda protexida na cidade de Vigo prevé unha reserva de solo destinada a zonas verdes e arboradas de case 23.000 metros cadrados, presididas por un gran parque central. Así figura nos proxectos de urbanización correspondentes ás tres fases nas que se dividirán as obras e que xa foron remitidos polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) ao Concello para que siga coa súa tramitación.

En concreto, está proxectada a plantación de preto de 600 árbores de diferentes especies, a maioría delas autóctonas e seleccionadas polo seu carácter ornamental. De feito, estes exemplares colocaranse non só en zonas verdes e na alameda prevista no proxecto, senón tamén adornando as rúas principais e secundarias, así como no vieiro que actuará como eixo vertebrador de todo o ámbito. Entre as especies de nova plantación haberá plataneiros, bidueiros, hibiscos, ameixeiras de xardín ou acivros.

Así mesmo, a urbanización proxectada pola Xunta prevé tamén conservar unha superficie de 4.300 metros cadrados de zonas arboradas cun total de 135 exemplares que xa existen nos terreos obxecto da ampliación. Nalgúns casos, estas árbores permanecerán no mesmo lugar ao coincidir con algunha das zonas verdes proxectadas, e noutros transplantaranse a espazos novos ante a imposibilidade de mantelos na súa localización orixinal.

En todo caso, tamén se localizaron outras árbores de certo interese en zonas nas que se prevé edificar vivendas, polo que no proxecto de urbanización se prevé a posibilidade de incrementar o número final de unidades transplantadas. A tal fin, dentro dos traballos a realizar cando se inicien as obras, elaborarase un informe sobre o estado do arborado nese momento para inventariar aqueles exemplares susceptibles de ser conservados no mesmo lugar ou noutro emprazamento.

Entre as masas a conservar en San Paio de Navia cómpre subliñar as tres carballeiras existentes nos terreos que se corresponden cos polígonos 1 e 2 da ampliación. A máis importante delas está localizada cara ao sur e consta dun total de 74 árbores, maioritariamente carballos aínda que tamén hai algún loureiro, salgueiro e castiñeiro.

De todos estes exemplares, 55 poderán integrarse na ordenación prevista na súa localización actual (a metade están nunha zona verde e a outra nunha parcela de equipamento) e os outros 19 transplantaranse a outro espazo axeitado.

En definitiva, na urbanización proxectada pola Xunta para ampliar San Paio de Navia a reserva de solo destinado ao mantemento e desenvolvemento de zonas verdes e de esparexemento recibe unha atención especial, co fin de humanizar o conxunto do ámbito e facelo máis atractivo para o seu uso e desfrute por parte da veciñanza.

1.600 NOVAS VIVENDAS

Cómpre lembrar que a ampliación do solo residencial en San Paio de Navia permitirá a construción dunhas 1.600 novas vivendas protexidas na cidade de Vigo, o que suporá un investimento de 250 millóns de euros por parte de promotores públicos e privados sobre unha superficie de 265.000 metros cadrados que, ademais de vivendas, acollerán zonas verdes, superficies de uso terciario e máis de 1.000 prazas de aparcamento co obxectivo de que se converta nun barrio activo, verde e aberto para as familias que decidan asentarse nel.

O pasado 11 de maio, o IGVS completou a presentación no Concello de Vigo de toda a documentación relativa ás tres fases nas que se dividirá a urbanización. O proxecto, por tanto, está agora en mans do Goberno local, que terá que aprobar inicialmente os proxectos para, de seguido, sometelos a exposición pública durante un mes, solicitando simultaneamente os informes sectoriais que correspondan.

Unha vez recibidos estes informes, a Administración local disporá dun máximo de tres meses para proceder á aprobación definitiva dos proxectos correspondentes ás fases 1, 2 e 3, un paso indispensable para poder licitar as obras. Neste sentido, cómpre lembrar que a aprobación dos proxectos de urbanización facultará á Xunta a levar a cabo a expropiación dos terreos que non se puideron adquirir aínda mediante compravenda ou permuta.

A tal fin, o IGVS iniciou xa a tramitación dos expedientes de expropiación o pasado 6 de abril, cando se publicou no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se abriu o proceso de información pública dos proxectos para facerse coa titularidade destas parcelas.

Unha vez adquirida a totalidade dos terreos necesarios para realizar a ampliación de San Paio de Navia, o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda procederá a licitar a primeira fase das obras de urbanización en San Paio de Navia.