San Lourenzo trouxo a Salvaterra o bispo e un mozo campaneiro
O festivo local viviuse con solemnidade este xoves en Salvaterra. A misa solemne das 12.00 con coro, Lacedorium, e, fóra, a banda de música. Aínda máis, celebrou o bispo, Luís Quinteiro, e como concelebrantes o párroco, Sergio Gómez e Luís Pose así como o presbítero venezolano Carlos.
Máis sorpresas. Outra foi a colaboración dun mozo campaneiro de 16 anos, Mateo Vázquez Ares, que reside en Vigo e veu para chamar aos fieis á celebración. Mateo levou un sonoro aplauso ao termo da santa Misa a petición do bispo.
Tocou para chamar a Misa, cando chegou o bispo e á saída da procesión. O seu toque, como explica a DL-G, que o entrevistou no propio campanario, é un toque baseado en ritmos tradicionais galegos. Mateo gabou a calidade do son das campás de fabricación portuguesa que ten a igrexa do recinto amurallado de Salvaterra e que polo que parecía levaban anos sen tocarse de xeito manual.
A corporación municipal estaba presente coa alcaldesa á fronte e seguiron a procesión. Este ano luciu o novo estandarte de san Lourenzo que se preparou para a ocasión.
Os actos seguiron con música pola tarde-noite pechando así o festivo local deste municipio.