Rocío Blanco, campiona galega tras un ano en ciclocross, homenaxeada no Concello
A
ciclista mosense Rocío Blanco Carrera foi homenaxeada esta tarde no Concello de
Mos polos seus recentes títulos de Campioa Galega de Ciclocross Máster 2019 e da Copa
Galicia de Ciclocross 2019 na categoría Máster-30. Blanco Carrera foi a
protagonista dunha recepción na que estiveron presentes a alcaldesa de Mos,
Nidia Arévalo, o tenente alcalde, Camilo Augusto, a concelleira mosense de
Deportes, Begoña Toucedo, e demais membros do goberno e da Corporación
Municipal.
Rocío Blanco, de
38 anos, veciña mosense natural da parroquia de Guizán e residente en Torroso,
ven de gañar, o pasado 29 de decembro, o Campionato Galego de Ciclocross 2019
Categoría Máster, que se celebrou no velódromo do Porriño.
Esta mosense que leva tan só 5 anos practicando ciclismo, dos cales soamente 1 ano en ciclocross e nunca competira ata o de agora, estréase nesta competición cun ouro no Campionato Galego.
A propia Rocío
conta que antes de subirse á bicicleta corría trails de atletismo onde os seus
compañeiros, tamén afecionados á bici, animároma a sumarse a este deporte ao
que non tardou moito en “engancharse”.
O mérito de Rocío
non se queda en erixirse Campioa Galega nunha competición na que participaba
por primeira vez. O desta mosense é todo un exemplo de esforzo e conciliación
da vida familiar, laboral e deportiva. Blanco traballa a turnos nunha fábrica
de caucho no Porriño e no seu tempo libre adícase a adestrar. Ademais é nai
dunha nena de 15 anos que a acompaña a tódalas carreiras.
Os adestramentos
desta mosense son dunha frecuencia de 3 ou 4 días por semana. A cada adestramento
adícalle unha hora.
Esta Campioa
Galega nai, deportista e traballadora, corre no equipo ciclista Budiño Bike e,
ademais de gañar o Campionato Galego de Ciclocross 2019 en Categoría Máster,
ven de gañar tamén a Copa Galicia de Ciclocross 2019 en Categoría Máster-30. As
dúas últimas carreiras desta competición disputounas os pasados días 4 e 5 de
xaneiro. O sábado 4 correu en Verín e o domingo, día 5, en Maceda.
E non para Rocío,
porque xa ten previsto participar, o vindeiro sábado 11 de xaneiro, no Campionato
de España de Ciclocross que se disputará en Pontevedra e, sobre os posibles
resultados no mesmo, Blanco Carrera declara estar “á expectativa, posto que en
carreira nunca se sabe o que pode pasar”.