Reunión da Comisión Permanente Internacional do río Miño
A Casa do Concello de Tui acollerá o vindeiro martes, 28 de maio, a partir das 10.00 h a XLIV reunión da Comisión Permanente Internacional do Río Miño, CPIRM, á que asistiran a delegación española e portuguesa presididas respectivamente por cadanseu embaixador e que reúnen a representantes das diversas entidades de ambos países con competencias na xestión do tramo internacional do río Miño.
O Comandante Naval do Miño é o presidente da Delegación Española na CPIRM, organismo subordinado á Comisión Internacional de Límites con Francia e Portugal (CIL) e cuxa presidencia corresponde a un embaixador do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación. Nesta CPIRM interveñen como vogais por parte española a Delegación do Goberno en Galicia, Servizo Provincial de Costas de Pontevedra (MITECO), Subdirección de Pesca e Mercados de Pesca (Xunta de Galicia), Servizo de Pesca da Subdelegación do Goberno de España en Pontevedra, Consellería de Medio Ambiente (Xunta de Galicia), Área do Mar Delegación de Vigo (Xunta de Galicia), Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Capitanía Marítima de Vigo (Ministerio de Fomento), ademais dos alcaldes das localidades ribeireñas do TIRM como convidados. Nas súas funcións de presidente da Delegación Española da CPIRM, o Comandante Naval sanciona os edictos de caza e pesca anuais no Rio Miño e ten atribucións sobre obras en pesqueiras, licenzas de pesca, sancións, coordinación con organizacións competentes relacionadas co río Miño e funcións consultivas, entre outras.
Esta Comisión é un órgano colexiado que se encarga de discutir as propostas encamiñadas á mellora das condicións biolóxico-pesqueiras, conservación dos recursos e de protección do hábitat no Tramo Internacional del Río Miño (TIRM). Nesta XLIV reunión a Comisión Permanente Internacional do Río Miño debaterá sobre aspectos relacionados coa caza e a pesca nas ribeiras do tramo internacional do río Miño así como a problemática da contaminación do curso fluvial do río.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, congratúlase da celebración desta reunión da Comisión Permanente Internacional do Río Miño na nosa cidade e sinala o papel de Tui como centro estratéxico para a xestión medioambiental e pesqueira do río Miño e para a potenciación dos valores naturais e culturais vinculados ao mesmo. Ao tempo que agradece ao Comandante Naval do Miño como responsable desta Comisión a escolla de Tui como lugar para a súa celebración.