Resonancias musicales en el claustro gótico da Catedral de Tui

A Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, colabora por sexta edición consecutiva co XV festival Música no Claustro mediante o Foro Profesional de Instrumentos Musicais #Resonancias, que se celebra hoxe e mañá no Claustro gótico da Catedral de Tui. Trátase dun encontro profesional centrado na investigación, na documentación, na innovación nas técnicas de construción de instrumentos, así como na restauración e na conservación preventiva.

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, sinalou a relevancia deste foro como espazo de intercambio de coñecemento e de creación de sinerxías no tecido artesán, ao mesmo tempo que constitúe unha plataforma de impulso da investigación e da innovación no eido dos instrumentos musicais.

Desde o ano 2014, a Xunta promove a incorporación dos oficios artesáns galegos dentro da programación deste evento musical que é xa unha cita consolidada e de referencia. A ourive Susi Gesto, a ceramista Verónica Moar, o luthier Xaneco –que participa tamén na edición deste ano–, a cesteira contemporánea Idoia Cuesta ou a artesá Minia Banet, do obradoiro de bordado Variopinto, teñen formado parte da programación de Música no Claustro da man de Artesanía de Galicia.

PROGRAMACIÓN 21

A programación do Foro Profesional de Instrumentos Musicais #Resonancias está dividida en catro bloques temáticos, dous en cada día de celebración do evento. No primeiro deles, Innovación dende a tradición, amosaranse as novidades técnicas de cinco obradoiros da marca Artesanía de Galicia: Xaneco (Outeiro de Rei), Pablo Sánchez Otero (A Coruña), Héctor Salgado de Morenita Percusións (Laza), Xosé Manuel Gil, de Obradoiro de Gaitas Gil (Ponteareas) e Antón Corral (Tui).

Ademais, reflexionarase sobre o emprego de madeiras galegas na construción de instrumentos musicais, en diálogo coa visión intersectorial do enxeñeiro Francisco Pedras Saavedra, técnico titular do Centro de Innovación e Servizos tecnolóxicos da madeira de Galicia.

O segundo bloque leva por título Iconografía musical e tecido artístico e busca afondar na relación entre artesáns e intérpretes. Neste bloque enmárcase unha conversa con Begoña Riobó e Anxo Pintos, artistas e protagonistas do concerto de hoxe no festival Música no Claustro, e intervencións dos historiadores Suso Vila e Sara Quintana, do luthier de Artesanía de Galicia Xermán Arias (Sarria), así como da investigadora Isabel Rei Sanmartín.

Mañá, xoves 5 de agosto, levarase a cabo o terceiro bloque temático sobre Os instrumentos musicais nos museos. Aquí afondarase sobre os retos de restauración, conservación preventiva e divulgación destes bens patrimoniais grazas a profesionais especializados xunto á visión de Natalia Fraguas, conservadora do Museo de Pontevedra, e Elena Vázquez, vicepresidenta da asociación Instrumenta e conselleira técnica da Subdirección xeral de Xestión e Coordinación dos Ben Culturais do Ministerio de Cultura e Deporte. Neste apartado contarase coa participación do artesán da marca Artesanía de Galicia Régis Floury (Gondomar), co presidente do Gremio de Luthiers y Arqueros de España (GLAE), José Catoira, e con Samuel Diz, intérprete, investigador e director artístico de Música no Claustro.

O Foro pecharase co bloque dedicado á Profesionalización e divulgación dos oficios artesáns, no que participarán os obradoiros de Artesanía de Galicia Obradoiro de Gaitas Seivane (Cambre) e Franfret Guitars (A Coruña), o obradoiro familiar Guitarras Ramírez e os investigadores Belén Bermejo e Andrés Díaz, que falarán sobre a divulgación dos órganos de Galicia. Neste último bloque, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, falará sobre a marca Artesanía de Galicia e o apoio que leva a cabo a Xunta ao sector artesán galego.