O recinto amurallado de Salvaterra, a localización perfecta para a representación dun mega Via Crucis
Por segundo ano consecutivo, o recinto amurallado de Salvaterra vai ser testemuña da recreación dun centenar de veciños de Salvaterra de Miño e As Neves que van rememorar a paixón do Noso Señor Xesús Cristo. O evento -o mega Via Crucis- terá lugar o próximo 1 de abril, sábado, a partir das 5 da tarde.
Os figurantes pertencen ao municipio de Salvaterra de Miño e As Neves. As vestimentas son propiedade de cada un dos figurantes. Para aqueles que se incorporan este ano, o figurante compra as teas e unha costureira de Pesqueiras, Amparo, confecciona con ela a roupa de época.
A iniciativa da primeira edición foi das Hermanas Misioneras de las Doctrinas Rurales da Fundación del beato Padre Tiburcio Arnaiz Muñoz y María Isabel González del Valle Sarandeses. As voluntarias que o iniciaron agora xa non residen na comarca e, aínda vivindo en Andalucía, seguen de preto a continuidade deste evento. Segundo Belén Durán, unha das organizadoras, “somos un grupo de veciños que queremos dar continuidade a este legado. Por iso, este ano se volverá facer xa que o anterior foi un éxito, en todos os sentidos. Houbo un bo traballo dos actores, un ambiente bonito e respectuoso co que a propia representación esixe así como unha unión entre veciños de varias parroquias de diferentes concellos”.
Os encargados dos ensaios –dous días á semana e, esta que entra, serán tres- e da loxística son Yoni de Fiolledo, Amparo de Pesqueiras e Carmen e Ana das Neves. Os organizadores están a pensar en crear unha asocación para desenvolver esta actividade. O Concello de Salvaterra préstalles o apoio loxístico –megafonía...-, así como a publicidade e cartelería.
As estacións do Via Crucis comezan no recinto, a carón da igrexa parroquial de san Lourenzo de Salvaterra. O narrador –o sacerdote Ángel Carnicero- comeza alí cunha introdución do que é o Via Crucis. Nese mesmo escenario está a primeira estación, Xesús Condenado a Morte, onde Poncio Pilato xulgará o fillo de Deus levado ante el polos soldados e a xente do pobo. Na segunda estación, Xesús é condenado a morte, unha vez xulgado os soldados e o pobo lévano camiño do monte Calvario para a súa crucifixión. Entón sae cara á muralla, cruza a explanada e antes de saír da fortaleza comezan xa a terceira e cuarta estación. Na terceira, represéntase a Caída de Xesús; na cuarta rememora cando Xesús se atopa coa súa santa Nai. Continúa a representación ao longo da baixada empedrada por fóra da murallas ata o edificio da Policía Nacional. Durante esa baixada o cadro de actores representa ao Cirineo que axuda a Xesús a levar a Cruz. Xa na sexta o público contemplará como a Verónica limpa o rostro do Mestre, deixando impresa a súa santa face. A sétima, comeza, abaixo do camiño empedrado, lembrando a segunda caída de Xesús. No seguinte cadro, Xesús conforta as mulleres de Xerusalén. Subindo de novo, cara á fortaleza na zona de herba represéntanse as outras estacións. A novena, onde Xesús cae por terceira vez, a décima onde é espido da súa roupa, cravado na cruz e morto nela. A décimo terceira rememora o desencravo e a súa resurrección. O público vai acompañando en todo momento o cortexo e, unha vez que se desenvolve a estación na que conforta as mulleres de Xerusalén, o público debe quedar alí abaixo, para poder contemplar ben a representación da crucifixión.
A representación do Via Crucis dura unha hora e media. E, en caso de que a climatoloxía non acompañe, trasladarase a outro día.
Todo un espectáculo que congregará persoas de fe da vila xunto con visitantes e turistas que poderán desfrutar deste guión incrible e histórico que foi a paixón do Noso Señor Xesús Cristo nunha localización acorde e que engrandece dita representación movendo a piedade e axudando a preparar a Semana Santa.