Pre fin de ano no Porriño
O Porriño prepárase para despedir o 2022 por anticipado. Un ano máis, despediremos o ano por adiantado cunha cita xa convertida en tradición na Louriña
Será o venres 30 de decembro e desta vez, a celebración ocupará todo o día con con actividades para todos os públicos, dende os máis pequenos ata os maiores.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, presentou este venres a programación acompañado polos concelleiros de Cultura e Educación, Bienvenido Estévez e Carolina González, a Maimiña, Irene Álvarez, e os representantes do Atletismo Porriño, Pablo Regueira e Daniel González.
A festa dará comezo ás 11.30 h da mañá cos pequenos e pequenas como protagonistas xa que terán o seu Pre Fin de Ano Infantil con actividades e animación a cargo das Maimiñas, unha sesión DJ Mini e concurso de atuendo polo que é importante que veñan ben elegantes para participar. Por suposto, as doce badaladas soarán para despedir o ano a cargo do grupo porriñés King Kids, que farán unha previa do concerto que ofrecerán pola tarde. Haberá cotillón especial para todos!.
Pola tarde a xornada arrancará da maneira máis solidaria: coa San Silvestre 2022 Concello do Porriño. A partir das 17 h comezarán as carreiras das categorías infantís e ao remate darase o pistoletazo de saída á absoluta. Terá un percorrido urbano moi accesible e completarase un total de 4 km. Como sempre a proba estará aberta a todas a idades e cada corredor deberá aportar produtos infantís de alimentación e hixiene que se distribuirán a través do SOS Porriño ás familias que os precisan. A inscrición está aberta ata o 28 de decembro ás 00 h e pode formalizarse a través da web www.ecultura.net .
Ao finalizar, arredor das 19 h, poderemos disfrutar dunha gran chocolatada gratuíta mentres escoitamos aos King Kids.
Ás 20 h a música das rondallas de Atios e Pontellas anegará as rúas da vila. Pero a festa non para e de seguido comezará a soar a música da orquestra La Fórmula que, xunto a actriz Rebeca Stones e ao reputado dj Michael Chenlo, que actuará despois, serán os encargados de de dar as badaladas coas que diremos adeus ao 2022 e recibiremos o novo ano. Por suposto haberá uvas e cotillón para facelo por todo o alto.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, aproveitou para convidar a todo o mundo “a despedir xuntos no Porriño este ano e, sobre todo, a recibir o que entra con ilusión e ganas de facelo inesquecible”.