Porriño vinculado aos Balcáns pola súa industria mineira
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación e Programas Europeos, Carolina González, recibiron onte aos representantes dos centros de educación de Italia, Grecia e Rumanía que xunto co Porriño participan no proxecto “Higher Education–Entreprise platform for fostering, modernisation and sustainable growth in natural stone industry in Western Balkans”.
Trátase dun proxecto no que socios da Unión Europea trasferirán as súas competencias e coñecementos relacionados coa extracción, elaboración, colocación e comercialización no sector da pedra natural aos Balcáns.
No frente galego, representan ao proxecto o IES Ribeira do Louro, da man do seu impulsor Amador Ordoñez, que traballa baixo a Secretaría Xeral de Educación e Formación, e a Universidade da Coruña.
No que respecta aos países da Unión Europea, participarán centros de educación superior e FP de España, Italia, Grecia e Rumanía e como receptores do coñecemento participan universidades de Albania, Bosnia Herzegovina, Montenegro e Kosovo.
“O Porriño é un lugar de referencia na industria mineira polo que, ademais de exportar pedra podemos exportar os nosos coñecementos e experiencia a países cun gran potencial no sector, nos que as súas empresas institucións de formación carecen dos coñecementos e tecnoloxías que lles permitan acceder aos mercados internacionais”, explicou o alcalde, que aproveitou para dar a noraboa aos organizadores pola iniciativa xa que, “Para nós é un pracer manter estas sinerxias á vez que os nosos estudantes aprenden e se forman”.