Porriño ten xa un espazo inclusivo hosteleiro na parroquia de Torneiros
O Porriño acolleu hoxe a presentación dun proxecto pioneiro en Galicia impulsado por Aceesca en colaboración coa Xunta e o Concello do Porirño: o programa de Formación Dual de hostalería para persoas con diversidade intelectual.
Foi nas instalacións do Centro Cutlural Alba, acondicionadas e cedidas polo Concello do Porriño para albergar a formación que desenvolve a asociación. Trátase dun proxecto financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que, en colaboración co Concello, permitirá que a cafetería habilitada para servir de centro de formación, abra tamén para a atención ao público.
O obxectivo deste programa de formación dual é que as persoas con discapacidade intelectual poidan obter un certificado de profesionalidade para exercer un oficio e facilitar a súa incorporación ao mercado laboral común. Mediante contratos de formación en alternancia a través de Aceesca e na práctica no centro habilitado en Torneiros, avanzarán na súa capacitación para que –unha vez concluido o proxecto- poidan atopar unha oportunidade nas empresas de hostalería da contorna.
A maiores desta modalidade que se implementa por primeira vez, Aceesca tamén desenvolverá un programa de formación dual de xardinería, campo no que xa tiñan levado a cabo unha iniciativa deste tipo.
Se ben o curso comezou xa o pasado mes de xaneiro, a cafetería Lume abrirá as súas portas o 24 de febreiro “pretendendo ser ademais dunha actividade formativa un punto de encontro para a veciñanza de Torneiros”, explican dende Aceesca.
No mesmo sentido se manifestou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que agradeceu a Aceesca a súa implicación coa integración laboral e social das persoas con diversidade e esta iniciativa en particular, que “non só será enriquecedora para os participantes senón tamén para a parroquia de Torneiros, creando un lugar onde atoparse nun ambiente onde se farán notar os valores do respecto, a pluralidade e a inclusión”.