O Porriño súmase ao Día Europeo da Información Xuvenil promovendo un uso crítico da IA entre a mocidade

El alcalde, Alejandro Lorenzo, en el punto informativo, la OMIX.
O Concello do Porriño únese ao Día Europeo da Información Xuvenil coa campaña #EYID25 – #domino_a_IA para fomentar un uso crítico da intelixencia artificial entre a mocidade. A OMIX local ofrece asesoramento e prepara novas actividades para os mozos, animándoos a participar na conversación europea en redes sociais.

Con motivo da celebración do Día Europeo da Información Xuvenil este 17 de abril, o Concello do Porriño participa activamente na campaña #EYID25 – #domino_a_IA, impulsada pola Axencia Europea de Información e Asesoramento Xuvenil (ERYICA). O obxectivo principal desta iniciativa é fomentar entre a mocidade un uso crítico, responsable e creativo da intelixencia artificial, sen deixar de lado o enfoque humano e educativo que caracteriza aos servizos de información xuvenil.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Porriño, integrada na Rede Galega de Centros de Información Xuvenil, desempeña un papel fundamental na difusión de recursos e servizos que capacitan á mocidade para tomar decisións informadas en ámbitos cruciais como a educación, o emprego, a saúde e a participación cidadá.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou a relevancia de visibilizar estas campañas, afirmando que “temos a responsabilidade de garantir que os nosos mozos e mozas conten cun acceso real a información que lles permita avanzar con seguridade nas súas decisións vitais. Dende o Concello do Porriño continuaremos apoiando servizos como a OMIX, que son unha ferramenta esencial para o desenvolvemento persoal e profesional da nosa xuventude”.

Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, destacou a pertinencia da campaña deste ano e o labor que realiza a OMIX: “Esta campaña de @_eryica axudará a entender tanto os beneficios como os riscos da IA, para que a nosa mocidade poida tomar o control de como configurar o seu mundo. É tamén unha ocasión especial para recoñecer o labor dos traballadores e traballadoras da información xuvenil, que cada día fan posible un acceso á información de forma accesible e personalizada.”

A OMIX do Porriño ofrece un amplo abano de servizos de asesoramento e información sobre temas de interese para a xuventude, como emprego, vivenda, voluntariado, actividades culturais e deportivas, programas e campañas xuvenís, viaxes e o Carné Xove, entre outros. O centro conta cun servizo de atención individualizada, tanto presencial como a través de teléfono e correo electrónico, ademais de manter actualizados espazos informativos físicos con documentación relevante. Ademais, a OMIX está traballando na implementación dun novo programa de actividades deseñado especificamente para a mocidade do Porriño, que incluirá obradoiros, encontros, formacións e propostas de ocio adaptadas aos seus intereses actuais.

O Concello do Porriño anima á mocidade a seguir as redes sociais e a participar activamente na celebración deste día empregando os hashtags #EYID25 e #OwnTheAI, sumándose así á conversación europea sobre o papel da intelixencia artificial nas súas vidas e no futuro da información xuvenil.