O Porriño suma preto dun cento de novas prazas de estacionamento gratuíto no casco urbano
O Porriño suma preto dun cento de novas prazas de estacionamento gratuíto no casco urbano. No último ano e medio dende o Concello estase a xestionar a consecución de diversas parcelas, mediante a sinatura de convenios cos seus propietarios, co fin de habilitalas como aparcamento público de vehículos. Terreos todos eles situados en lugares estratéxicos, en diferentes puntos de acceso á vila ou incluso céntricos como é o último caso.
Trátase de dúas parcelas que suman unha superficie aproximada duns 2.000 metros cadrados situadas en paralelo á vía do tren, próximas ao paso a nivel, con acceso dende as rúas Avelino Villasuso e Foz. “Coa apertura deste novo aparcamento damos resposta ao comercio da zona peonil e sobre todo tamén á praza de abastos ”, subliña o alcalde Alejandro Lorenzo. Xunto co habilitado na rúa Progreso, este é o máis preto ao mercado, situándose a uns escasos 200 metros, apenas un par de minutos a pé.
Estes días estase a levar a cabo a posta a punto dos terreos con labores de desbroce e limpeza, aproveitando que están tamén en activo as obras de humanización e mellora das rúas Bos Aires e Progreso.
Con este novo cento de prazas novas son xa máis dun milleiro as dispoñibles na vila, distribuídas en varias parcelas que se localizan en tres zonas. Ao norte, próximas á autovía A-52 e á N-120, habilitáronse dúas que dan servizo a toda esta área onde se sitúan dous colexios, un instituto e preto tamén do centro de saúde, xulgados e escola infantil. Na parte sur da vila disponse de catro parcelas na rúa Leandro Diz. E no acceso próximo á autovía A-55 e ao nó coa PO-331 están este da rúa Avelino Villasuso e o da rúa Progreso, o máis grande, de máis de 14.000 metros cadrados.
“O problema de aparcamento que había no Porriño prexudicaba gravemente ao tecido comercial e hostaleiro e tamén á veciñanza, que cando quería vir ao casco urbano atopábase sempre con dificultades para aparcar”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo. Con todos estes novos espazos, acondicionados para o estacionamento de vehículos, erradícase o problema, facilitando así á cidadanía o seu desprazamento ao centro da vila, o que á vez beneficia tamén ao comercio, hostalería e a todos os negocios da localidade.