Porriño remoza os seus parque infantís
O Concello do Porriño avanza no seu obxectivo de acondicionar e mellorar todos os parques infantís. Os traballos, que abranguen 33 zonas de xogo do centro urbano e das parroquias, están a ser acometidos con varias vías de financiación, algún deles con fondos propios e outros con cargo a unha liña de axudas do Plan Concellos da Deputación Provincial que supón unha inversión de 228.000 euros.
Os traballos licitados contemplan sete parques do centro da vila nos que se están a acometer limpezas, melloras e reparacións son o do Cristo, o do Matadoiro, o de Fontevella (Pío XXII), o do Camiño do Cando (fronte á Igrexa), o da urbanización O Sol, o de Lamazares e o do Campo da Feira. As actuacións a levar a cabo cenráronse principalmente na reparación dos pavimentos coa colocación de céspede sintético en cinco deles, o arranxo de diferentes elementos ou partes destes (tobogáns, columpios, balancíns….) algúns dos cales foron substituídos por outros novos; axuste e fixación de pezas e elementos; limpeza e preparación de distintas superficies para posterior aplicación de pintura e verniz protector.
En Torneiros estase a actuar en dous parques, no da fase II e no da fase III. Alí tamén se acometen reparacións e limpezas de diferentes elementos de xogo, así como o reemprazo de pezas novas, e a maiores tamén se están a arranxar os bancos. Ademais, no primeiro deles estase a substituir o actual pavimento coa colocación dunha capa de area e no segundo será preciso toda a retirada do pavimento existente e a disposición dun novo con instalación de céspede sintético.
Os outros parques que completan a lista son o da Escola Unitaria de Mosende e o de San Diego, na mesma parroquia. No da escola levarase a cabo unha recolocación dos elementos de xogo, que serán postos a punto; colocarase unha capa de area e procederase á retirada do peche perimetral para a instalación dun novo. No outro, ademais da reparación e limpeza das diferentes estruturas, demolerase o pavimento e realizarase un novo.
A superficie na que se actuará nestas sete áreas de xogos suman un total de 2.280 metros cadrados.
A maiores, como xa dixemos, estas actuacións completáronse con melloras no resto dos parques sufragadas con fondos propios. Moitas delas xa executadas como o de Carracido, A Graña en Cans, Candosa, San Paio, A Guía, Vilafría, Cerquido, Orbenlle, A Forna, Sanguío, Devesa ou Costeira.
“Manteño o meu compromiso de facer do Porriño unha auténtica cidade da infancia e por iso a mellora dos parques infantís é unha prioridade”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Hai moitos nenos e nenas no pobo, non só no centro urbano, senón tamén nas parroquias e todos eles teñen que disponer de espazos seguros para xuntarse a xogar. Por iso non só acondicionaremos as existentes, senón que farei o preciso para habilitar novos parques para eles”