O Porriño contratará a 14 persoas desempregadas para reforzar servizos municipais co Plan +Provincia

El alcalde, Alejandro Lorenzo, habla con un trabajador.
O Porriño contratará a 14 persoas desempregadas durante oito meses para reforzar servizos municipais grazas ao Plan +Provincia da Deputación. O proceso de selección xa está aberto a través do Servizo Público de Emprego, priorizando a persoas con máis dificultades de inserción laboral.

O Concello do Porriño vén de activar o proceso de selección para a contratación de 14 persoas desempregadas a través da liña de Activación do Emprego do Plan +Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa está dirixida á conservación e funcionamento de servizos e instalacións municipais, permitindo un reforzo inmediato en diversas áreas.

As contratacións terán unha duración de oito meses e permitirán incorporar un carpinteiro, un soldador e un palista para actuacións en parques infantís, instalacións deportivas e espazos públicos. Ademais, convócanse seis prazas de peón forestal para tarefas de roza, limpeza e acondicionamento de terreos, un auxiliar de enfermería para a Unidade Asistencial de Drogodependencias e catro conserxes que darán apoio en diversas instalacións municipais, encargándose da atención ao público, vixilancia e xestión de accesos.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “esta iniciativa supón un paso máis no noso compromiso coa creación de emprego e coa mellora dos servizos municipais. Grazas ao apoio da Deputación, podemos ofrecer novas oportunidades laborais ás persoas desempregadas do Porriño.”

Pola súa banda, a concelleira de Emprego, Rosario Costas, destacou que “o proceso de selección xa está en marcha a través do Servizo Público de Emprego e terán prioridade de acceso aos mesmos ás persoas con máis dificultades de inserción laboral.”

Para participar no proceso, os interesados deben estar inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, ter as ocupacións ofertadas incluídas na súa demanda e cumprir os requisitos específicos de cada posto. As bases de selección e os códigos de ocupación pódense consultar na páxina web municipal e nas instalacións de Porremprego.

Este proxecto enmárcase no compromiso conxunto da Deputación de Pontevedra e o Concello do Porriño coa activación laboral e a mellora continua da calidade dos servizos públicos ofrecidos á cidadanía.