Ponteareas pon en marcha unha nova regulación do aparcadoiro exclusivo da Praza de Abastos tras deseñala conxuntamente coa asociación de praceiros e praceiras.
Segundo os edís nacionalistas, Mera e Gil, coas novas normas que rexen desde hoxe no estacionamento “asegurarase que este cumpra o seu cometido, que é facilitar e promocionar o consumo no Mercado Municipal” que conta actualmente cuns trinta postos de venda activos.
O horario de funcionamento do aparcadoiro da Praza de Abastos é de 9.00 a 15.30 horas. Nesa marxe horaria, poderase empregar o estacionamento durante un máximo de hora e media. Para iso é necesario retirar o correspondente billete no parquímetro situado na entrada do aparcadoiro. O billete consta de dúas partes que se deben cortar: unha debe colocarse no interior do vehículo en lugar visíbel mentres a outra será empregada polo cliente como resgardo do seu estacionamento. Para poder abandonar o aparcadoiro antes de esgotar a hora e media, o cliente deberá realizar un gasto total mínimo de 10 euros na Praza de Abastos e canxear o seu resgardo pola ficha que permite sair do aparcadoiro. Para realizar o canxe os clientes poden acudir a tres establecementos diferentes situados no interior da Praza de Abastos, autorizados para a entrega de fichas. No caso de incumprir estas normas de uso do aparcadoiro a sanción a impoñer é de 30 euros.
O
aparcadoiro situado a carón do Mercado Municipal conta con 14 prazas, que ao
rotar como mínimo cada hora e media, supón a dispoñibilidade de alomenos 56
prazas de estacionamento para os seus clientes ao longo da mañá. Aínda así, as
concellarías de Mobilidade e Tráfico e de Promoción Económica prevén habilitar
nas vindeiras semanas outro aparcadoiro de 7 prazas máis noutro espazo
adxacente á Praza de Abastos.
En
opinión de Mera e Gil, “o novo sistema supón gañar en eficacia no funcionamento
do aparcadoiro, evitar usos fraudulentos que se viñan detectando e asegurar que
o estacionamento serva para incrementar o consumo na Praza de Abastos,
facilitando as súas compras ás persoas que apostan polo mercado local e de
proximidade”.
Por
outra banda, ambas as dúas concellarías, recolocaron os postos de venda de
plantas, da coñecida como “A Carreira”, na nova praza acondicionada entre o
Mercado Municipal e o Auditorio. Até agora eses vendedores e vendedoras
compartían cos vehículos o aparcadoiro. “Deste xeito, dignificamos o labor
destes produtores locais, instalándoos nun espazo humanizado e melloramos a
seguridade no aparcadoiro”, sinalaron Roberto Mera e Eva María Gil.