Ponteareas peonaliza o centro en sábados e festivos para garantir unha mobilidade segura
O
Concello de Ponteareas prepara diferentes medidas para garantir a mobilidade
segura das persoas durante a crise sanitaria. Segundo explicou o concelleiro de
Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, “Ponteareas ten unha rede peonil raquítica.
O espazo público para as persoas representa o 28% fronte ao 72% que ocupan os
vehículos. A maioría das beirarrúas, onde existen, son moi estreitas e non
permiten cumprir as normas de distanciamento social e seguridade nos
desprazamentos”.
Para
adaptarse á nova situación, a concelleria de Mobilidade e Tráfico está
deseñando un conxunto de medidas que se implementarán gradualmente nos
vindeiros días e semanas e que buscan dar seguridade ás persoas que agora en
maior número poderán sair á rúa. A primeira consistirá na peonalización do
centro urbano os sábados, domingos e festivos, entre as 9:00 e as 23:00 horas,
permitindo o acceso en vehículo a residentes e servizos.
Para
o resto dos días o goberno estuda converter todo o centro urbano en zona
limitada a 20 Km/h con prioridade na calzada para os peóns que poderán usala e
atravesala en calquera lugar. Deste xeito valórase establecer o sentido único
de circulación nas beirarrúas inferiores aos tres metros de anchura. Os peóns,
ao ter preferencia na calzada, poderían cruzar á beirarrúa oposta en calquera
punto sen necesidade de dar rodeos cambiando así o sentido de circulación ou
acceder a portais ou establecementos.
Ademais
Mera explicou que o goberno vai crear espazos seguros nos establecementos
públicos e privados con afluencia de xente que agarda quenda no exterior. Para
iso habilitaranse zonas de estancia peonil nos espazos de aparcamento.