Ponteareas, o único municipio galego en recibir por primeira vez o recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia
Ponteareas é xa oficialmente unha Cidade Amiga da Infancia. Representantes do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, a Federación Española de Municipios e Provincias, o Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA) e Unicef España entregaron este mércores nunha cerimonia virtual os recoñecementos ás 72 entidades locais que renovaban esta distinción e aos 73 municipios, mancomunidades e deputacións que o recollían por primeira vez, entre eles o Concello de Ponteareas.
Trátase dun recoñecemento ao exercicio de responsabilidade feito polo Goberno municipal para poñer no centro das decisións políticas a un grupo de poboación que é presente e futuro da sociedade: aos nenos, nenas e adolescentes. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, estivo presente na cerimonia, na que se fixo un recoñecemento ás 342 Cidades Amigas da Infancia que poñen no centro das políticas locais preto do 50% da poboación infantil que vive en España.
“Hoxe é un día moi importante para nós, porque se recoñece o traballo constante realizado nos últimos anos para conseguir que Ponteareas sexa un concello no que infancia e adolescencia formen parte activa da nosa política local, dándolles voz e voto e permitíndolles achegar o seu gran de area naqueles aspectos que lles afectan directamente”, explica a edil.
Para acadar esta distinción Ponteareas, ao igual que o resto das entidades locais recoñecidas, deseñaron estratexias para dar resposta aos retos identificados no camiño de facer realidade os dereitos das nenas, nenos e adolescentes. A vila dispón de espazos de participación reais onde se escoitan as súas propostas, unha acción que non só é un dereito da infancia, senón que enriquece a xestión política tendo en conta as opinións, necesidades e solucións identificadas polos seus destinatarios e destinatarias.
Tal como sinalou durante o acto o presidente de UNICEF España, Gustavo Suárez, “a participación infantil e adolescente contribúe a desenvolver unha cidadanía activa e empodera aos nenos como axentes activos de cambio que poden modificar a súa realidade e a dos seus concidadás”.
Pola súa banda, a partir dos datos obtidos nesta nova convocatoria, Mª Ángeles Espinosa, directora de IUNDIA, sinalaba que “sabemos que o 56% das entidades locais realizan programas para familias en dificultade social, case un 66% conta con axudas para familias en situación de vulnerabilidade con menores a cargo e máis dun 80% contan con protocolos de prevención, detección e derivación de casos de desprotección ou violencia”.
Na última intervención do acto, o subdirector da Dirección Xeral de Políticas de Infancia e Adolescencia do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, José Luis Castellanos, recordou que “a experiencia e o traballo destes 20 anos están sendo unha base fundamental para a elaboración do Consello Estatal de Participación Infantil”, órgano contemplado na recentemente aprobada Lei de Protección da Infancia fronte á Violencia.
Na IX Convocatoria de Recoñecementos 2021-2025, Ponteareas foi o único municipio galego en recibir por primeira vez este distintivo, que gana peso coa situación sanitaria, xa que como recolle a notificación oficial “foi un ano moi difícil e sabemos que estivestes en primeira liña respondendo ás necesidades da cidadanía, sen deixar atrás aos nenos e nenas”.
Como leva facendo xa dende 2018 e durante os catro anos de vixencia deste recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia, Ponteareas continuará traballando no seu compromiso por consolidar espazos de participación infantil e adolescente e obter resultados medibles que melloren o benestar da infancia da vila.