'Ponteareas, Lingua e Empresa'
Ponteareas convoca a terceira edición do “Ponteareas, Lingua e Empresa”, un premio que recoñece ás empresas e autónomos que usan a lingua galega na súa actividade económica. Este recoñecemento parte das concellarías de Promoción Económica e de Lingua, que dirixen Eva Gil e Fernando Groba respectivamente, coa intención de promover o uso da lingua galega na actividade económica da vila, estender o seu uso nas relacións laborais, comerciais e empresariais, e eloxiar publicamente a contribución ao aumento e mellora do uso social do galego desde este sector.
O premio consta de tres categorías: traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas, uso continuado do galego e incorporación recente ao seu uso. Poderán ser candidatas as empresas, autónomos, profesionais e outro tipo de negocios, así como as persoas que destaquen polo uso do galego na actividade económica e que teñan a súa sede social ou centro de actividade económica no concello de Ponteareas. Ademais, calquera persoa ou entidade poderá presentar proposta de candidatura a favor de quen o desexe.
As gañadoras do “Ponteareas, Lingua e Empresa” recibirán, ademais do recoñecemento público do Concello e a veciñanza, unha figura exclusiva realizada polo escultor ponteareán Silverio Rivas. As entidades interesadas poderán presentarse ata o vindeiro 17 de novembro.. As bases da convocatoria, xunto coa demais documentación pódense descargar na web do Concello.