Polo Día Europeo Sen Coches

Ponteareas fomenta a mobilidade en bicicleta

A intención é dotar destes elementos a todos os entornos dos edificios públicos e noutras rúas e prazas para promover o uso da bicicleta.
A partires das 18.00 procederase a pechar ao tráfico a rúa Constitución e a Praza de Bugallal

No marco da Semana Europea da Mobilidade, Ponteareas súmase ao Día Europeo Sen Coches cunha xornada de actividades que terá lugar mañá martes e na que se promoverá o uso de bicicletas como alternativa para os desprazamentos, así o anunciou o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, que adianta que por vez primeira Ponteareas se suma ao evento anual “A cidade sen coche” no que en 2019 participaron 3.136 cidades europeas.

Durante todo o día, o establecemento Toñi Porto Bicimecánica ofrece revisión de balde de bicicletas. Ás 16.30 abrirase a ciclovía da Praza da Perillana, unha rúa perimetral da praza que a partires do día 22 pasa a estar reservada de maneira permanente para o uso da bicicleta, permitíndose unicamente o acceso a garaxes a 10 km/h e con preferencia de bicis e peóns. Ás 17.30 na rúa Rogelio Groba iniciarase a actividade “Ponte no seu lugar”, en colaboración con Adapta, coa que os participantes poderán vivir a experiencia das dificultades de mobilidade nunha cadeira de rodas. A partires das 18.00 procederase a pechar ao tráfico a rúa Constitución e a Praza de Bugallal, xenerando un amplo espazo sen vehiculos xunto coa Praza Maior, Rúa da Esperanza e Rúa de Oriente. Nese espazo desenvolverase unha xincana en bicicleta en colaboración co Club Ciclista Ponteareas e Biziebike con agasallos para todas e todos os participantes.

Ponteareas participa dende o 16 de setembro na Semana Europea da Mobilidade que desenvolve unha campaña de ámbito europeo destinada a sensibilizar á sociedade sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche nas cidades e vilas, tanto para a saúde pública como para o medioambiente e os beneficios do uso de modos de transporte máis sostíbeis coma o transporte público, a bicicleta ou os desprazamentos a pé.  A Semana Europea da Mobilidade celébrase desde 1999 do 16 ao 22 de setembro con actividades para promocionar a mobilidade sostíbel.

APARCABICICLETAS

Os primeiros aparcabicicletas do centro urbano de Ponteareas foron instalados o pasado venres na nova praza recentemente creada coas obras de humanización realizadas entre o Mercado Municipal e o Auditorio Reveriano Soutullo. Trátase de seis elementos para o estacionamento de bicicletas, tres situados no entronque coa rúa A Estrada e outros tres coa rúa Morales Hidalgo.

A instalación realízase coincidindo coa Semana Europea de Mobilidade, unha celebración que pretende promover a mobilidade sustentábel a pé, en bicicleta ou en transporte público.

Segundo informou o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, “un dos nosos obxectivos é potenciar o uso da bicicleta como medio de desprazamento en Ponteareas. Temos todo a favor: unha vila pequena, radial, sen apenas costas e unha grande tradición ciclista.”. Mera lembrou que “para promocionar o uso da bicicleta son necesarias medidas regulatorias como a redución da velocidade do tráfico a motor a 20 km/h que implementamos recentemente, pois a bici debe convivir na mesma calzada cos coches e estes deben aprender a respectar ás persoas ciclistas. Pero tamén debemos facilitar equipamentos como os aparcabicicletas. Por iso o noso obxectivo é dotar nos vindeiros anos destes elementos a todos os edificios públicos de Ponteareas e ao maior número de rúas e prazas”.