Ponteareas consensúa a primeira ordenanza municipal para utilización del local de ensaio do parque da Feira Vella
O
concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, mantivo un encontro con representantes
dos grupos de música usuarios do local de ensaio do parque da Feira Vella para
consensuar a primeira ordenanza municipal que se está a elaborar para o uso e
disfrute deste espazo para a mocidade que o concello ofrece totalmente de
balde.
Na liña
marcada polo goberno local para fomentar a participación da mocidade, promover
unha sociedade igualitaria e pór en valor a cultura e a nosa lingua, a primeira
ordenanza que regulará este espazo de máis de douscentos metros cadrados dará
preferencia aos grupos musicais con membros empadroados en Ponteareas menores
de 35 anos. Ademais da idade, a ordenanza tamén valorará cuestións como o
número de membros que compoñen os grupos, a participación feminina, a
composición de temas propios ou o emprego da
lingua galega, entre outros aspectos.
Dende
hai anos os grupos ponteareáns ensaian e desenvolven as súas inquedanzas musicais
nas catro salas que compoñen o local sen que, ata agora, se regulara o seu uso
nin o procedemento a seguir para acceder a elas.
Bouzó destacou que ”dende o goberno ponteareán decidimos
pór en marcha os trámites para proceder á mellora do local de ensaio municipal
e do seu funcionamento. Con ese obxectivo, tras realizar a primeira consulta,
estamos ultimando unha ordenanza que regule cuestións como o uso das
instalacións, as solicitudes por parte dos grupos, os horarios de acceso, ou os
dereitos e deberes tanto dos grupos autorizados como do propio Concello de
Ponteareas”
Na
xuntanza, as e os participantes coincidiron co concelleiro de Mocidade na
meirande parte dos asuntos formulados para a elaboración da ordenanza, e
aportaron opinións e ideas que serán introducidas neste primeiro regulamento
para o mellor aproveitamento do local e para unha óptima utilización das salas
do mesmo.
Así mesmo, malia que nos últimos anos xa se realizaron
reformas no local de ensaio, Miguel Bouzó indicou que é necesario seguir
avanzando nas melloras deste espazo, polo que adiantou ás e aos presentes que o
goberno local está a traballar na posta en marcha de novas actuacións,
coincidentes coas demandas dos grupos musicais para converter o local de ensaio
nun espazo que fomente en mellores condicións a creación musical.