Ponteareas con 'De-volta á terra' fai un estudo integrado do sistema de xestión de biorresiduos

Tras a adhesión nas pasadas semanas de Ponteareas ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, a Axencia de Ecoloxía Urbana deste ente amosou o seu interese na innovadora proposta do Concello de Ponteareas para a realización dun estudo integrado do sistema de xestión de biorresiduos, polo que traballará xunto á concellería de Medio Ambiente na elaboración do proxecto 'De-volta á terra'.

Segundo indicou a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, “este proxecto pretende dar cumprimento a varios obxectivos. Por unha parte, buscará ofrecer unha alternativa que optimice a valorización e/ou reciclaxe dos residuos orgánicos a partir das características territoriais e socioeconómicas propias de Ponteareas,  coa finalidade de devolver a materia orgánica residual ao solo. Así mesmo, preténdese elaborar un compost urbano de boa calidade, que permitiría abonar as zonas axardinadas do concello evitando así compra dun produto que nós mesmas podemos xerar”

Outro dos obxectivos do proxecto, segundo indicou a concelleira, é “utilizar o excedente de compost xerado en hortos urbanos impulsados e xestionados directamente polo Concello. Prevese a creación de hortos urbanos destinados ao seu uso por parte de persoas en situación vulnerable, persoas xubiladas e cativos/as. Cos hortos urbanos conseguimos por unha banda avanzar nunha educación interxeneracional, onde maiores e cativos intercambian coñecementos e, por outra banda, todo o produto resultante do horto servirá para autoconsumo, conformando unha axuda para persoas en situación desfavorable”.

Por último, Covelo indicou que “o programa de impulso á creación de hortos urbanos estará acompañado dun programa de formación básica en agricultura, desenvolvemento empresarial e emprendemento individual e cooperativo co obxectivo último de crear pequenas iniciativas empresariais que deberían aproveitar a posta en marcha dun banco de terra propio do Concello”.

A xeración de residuos orgánicos converteuse nun problema para a xestión da sustentabilidade municipal co incremento da poboación e a intensificación do proceso da súa concentración en entornas urbanas. Segundo a concelleira de Medio Ambiente, “os residuos orgánicos xerados nas vivendas  comunitarias, principalmente situadas no centro urbano, presentan un maior problema con respecto á xestión dos residuos das vivendas localizadas no rural. No núcleo urbano, este tipo de residuos van directamente ao caldeiro de lixo, onde a fracción orgánica representa o 40% dos residuos totais xerados”

O 31 de decembro do 2023, todos os Concellos deben contar con sistemas de recollida separada ou reciclaxe de biorresiduos en orixe. “En consecuencia, o Concello de Ponteareas ten a necesidade de  implementar un plan de recollida de residuos orgánicos que deberá conseguir a xeración de material de alto contido enerxético coa capacidade de xerar nova actividade económica, cumprindo así un dos principios da economía circular”, sinalou a concelleira.

O Goberno Local de Ponteareas leva anos traballando en materia de prevención de residuos, na súa reutilización e reciclaxe, para para poder camiñar de cara ao cumprimento en prazo dos obxectivos fixados na normativa europea, estatal e autonómica. Agora aumenta a súa aposta co deseño do programa 'De-volta á terra', co apoio a Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico no marco do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, dadas as características innovadoras do proxecto e o enorme potencial de transferencia da iniciativa a outros municipios do Eixo Atlántico.