Ponteareas comeza a instalar a rede urbana de calor con biomasa
Comezan en Ponteareas as obras para a rede urbana de calor con biomasa destinada a edificios e instalacións municipais. As obras foron adxudicadas por 717.823€ a través dun concurso público transparente que garantíu a igualdade de oportunidades e ao que se presentaron sete empresas.
Nestes intres a empresa adxudicataria comezou a obrar na contorna da residencia de maiores donde irá ubicado o edificio de caldeiras e depóstio de abastecemento. A rede urbana de calor dará servizo a residencia de maiores e centro de día, centro social, escola infantil, estación de autobuses e Casa do Concello, e no futuro poderá ampliarse para que chegue a máis edificios.
Con esta actuación, que conta con financiación con cargo aos fondos FEDER da Unión Europea no marco da estratexia 'Ponteareas, Hábitat Saudable', apóstase por sistemas eficientes e eficaces que supoñen un aforro económico tanto no gasto do consumo como de mantemento.
A utilización de biomasa, neste caso astilla, como fonte de enerxía renovábel permitirá substituir os actuais combustibles, gasóleo e electricidade, que se veñen empregando nas instalacións municipais para calefacción e auga quente. O goberno local aposta así por unha materia prima procedente das masas forestais dos nosos montes o que permitirá un mellor e maior aproveitamento dos nosos recursos, fomentando o emprego e a economía local ao tempo que se reduce o risco de lumes. Con esta actuación tamén se reduciran considerablemente as emisións de CO2 avanzando cara un concello máis sustentábel e respectuoso co planeta.
O goberno adianta que irá informando á cidadanía dos posibles cambios que se poidan producir nalgunhas das rúas polas que pasen as canalizacións e agradece a comprensión de toda a veciñanza durante o desenvolvemento destas obras.