'Entre pastores e lobos'
A Asociación C.D.E. Treze Catorze arranca a programación deste ano coa proxección do documental 'Entre pastores e lobos', dando con el inicio a un ciclo de filmes mensuais, presentadas no seu Centro Social O Matadoiro en Salceda de Caselas.
Co motivo da gran acollida que tivo a anterior proxección do documental “O Salto”, a Asociación Treze Catorze aposta agora por programar un ciclo de filmes mensuais, co fin de darlle visibilidade aos traballos audiovisuais galegos e, ao mesmo tempo, facer chegar ao concello material de contido de calidade, tratando sempre de abordar temáticas que están á orde día. As proxeccións estarán organizadas de forma que, non só se permita visualizar o traballo, senón que contarán co privilexio de comentala posteriormente con algunha das persoas creadoras ou colaboradoras do traballo a presentar.
E este é o formato que se vai manter este próximo xoves día 26 ás 20h, no Centro Social O Matadoiro (Salceda de Caselas), coa proxección do documental “Entre pastores e lobos”, co privilexio de contar coa presenza de Pedro Alonso, un dos guionistas do documental, ao que se lle poderán facer as preguntas e comentarios que afloren tras a reprodución do filme. A entrada é limitada ata completar aforo e financiarase mediante billeteira inversa.
Sobre o documental “Entre pastores e lobos”
“Entre pastores e lobos”, dirixido por Manuel Pedrosa, é unha historia real das serras de Manzaneda e Vilariño, no Macizo Central Ourensán, que nos achegará á natureza salvaxe para amosarnos a complexidade dos ciclos naturais das montañas. Combina etnografía, bioloxía, investigación científica cunha tremenda beleza paisaxística.
O documental recibiu o premio á mellor produción sostible no festival Suncine e o premio do público no Festival Suncine e na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, entre outras.