Os beneficios que achegan os animais ás contornas escolares
Escolares do Porriño participan este mes nunha actividade nos obradoiros sobre educación en valores asistidos por cans de terapia organizados pola concellería de Educación a través da OMIX.
O obxectivo xeral desta actividade, na que participarán preto de 400 escolares de infantil e primaria e usuarios/as do centro de día de Aceesca, é trasladar os beneficios que achegan os animais ás contornas escolares, coa finalidade de traballar de forma transversal a educación en valores e o coidado responsable de mascotas, con obradoiros específicos orientados a este fin.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, acudiron hoxe á primeira quenda destes obradoiros no CEIP Xosé Fernández López, para compartir cos escolares e con Gofre, Trece e Fox, os tres cans participantes, esta experiencia de concienciación e mellora da convivencia.
"Nestes obradoiros abórdanse, entre outras cuestións, a educación en positivo, o acoso escolar e os contratempos derivados de problemas de conduta, empregando os cans como modelo", explicou a edil, "Ademais, a metodoloxía é sempre activa, participativa, lúdica e integradora, conseguindo que os pequenos/as aprendan mentres se divirten".
A actividade divídese en dúas partes. Unha primeira centrada na educación en valores que se levará a cabo en horario escolar, dirixida ao alumnado de educación infantil e primaria e na que participarán 322 nenos e nenas dos colexios CEIP Antonio Palacios, CEIP Atios, CEIP Cruz Budiño, CI Mosende, CEIP Ribeira, CEIP Xosé Fernández López, CPR Hermanos Quiroga e CPR Santo Tomás.
A segunda, uns obradoiros de educación asistida con cans de terapia que se desenvolverase cada martes dos meses de marzo, abril e maio e na que participarán ao redor de 50 alumnos/as NEAE e usuarios/as do centro de día de Aceesca.
"A empatía ten catro patas, isto é algo que todos sabemos", concluíu o rexedor, "Os animais son os mellores mestres para traballar cos nenos e nenas valores como a solidariedade, o compañeirismo, o respecto, a aceptación das diferenzas, a integración, autoestima e a igualdade, así como os hábitos de hixiene e alimentación saudable. Proba disto é ver o seu entusiasmo e implicación, divírtense e aprenden".