O Porriño suspende temporalmente o mercado ambulante
O goberno municipal porriñés levará mañá mércores (13 h.), á consideración da Comisión de Seguimento da Covid, varias propostas entre as que cabe subliñar unha suspensión temporal do mercado ambulante. Sería efectiva a partir do vindeiro 2 de febreiro e por espazo de tres semanas, a mesma marxe de tempo que a Xunta de Galicia establece para que teñan efecto as medidas que entran en vigor este mércores.
Tendo en conta o impacto económico desta medida e tamén do peche da hostalería decidido pola Xunta, o goberno municipal vai trasladar a proposta de crear unha partida orzamentaria para axudas económicas directas. Semellante a que se habilitou en 2020 que repartiu achegas por un importe global superior aos 80.000 € entre autónomos, pemes e microempresas locais.
Por último, tamén o goberno municipal vai expor na Comisión de Seguimento da Covid outras medidas restritivas como o posible peche dos parques infantís e de recintos deportivos, agás aqueles onde poida desenvolverse a práctica de xeito individual como por exemplo as Pistas de Atletismo e o Velódromo.