O Porriño promove intercambios escolares con Le Fronçac
Por
terceiro ano consecutivo o Concello do Porriño realiza intercambios escolares ó
abeiro do irmandamento que hai tres anos suscribiouse coa Municipalidade de Le
Fronçac, por iniciativa de Lourdes Moure, concelleira de Educación que se
materializou en 2017. A maiores, a partir de este ano, vanse consumar outros
dous irmandamentos que canalizarán máis intercambios de escolares porriñeses
con Croacia e Italia, segundo a planificación que leva a cabo a concelleira
Moure Varela.
Como
consecuencia, unha delegación de alumnos de secundaria da municipalidade
francesa xa se atopa no Porriño onde permanecerán ata o venres 6 de marzo. Dende
a súa chegada o pasado venres 28, xa fixeron un treito do Camiño Portugués a Santiago,
entre Tui e Porriño. Hoxe martes realizaron unha visita a Santiago de
Compostela e nos vindeiros días teñen programadas diversas actividades
culturais e de lecer.
Como
é habitual, estes alumnos franceses reciben aloxamento nas casas e coas
familias de alumnos porriñeses dos centros de ensino que participan: “IES
Ribeira do Louro”, “Santo Tomás” e
“Hermanos Quiroga”. Os estudantes
porriñeses realizarán a viaxe de devolución de visita a Francia, no vindeiro
mes de abril.
A
vista do éxito acadado por estes intercambios e de que cada vez son máis os
alumnos e familias que queren participar, a concelleira Lourdes Moure avanzou
que o Concello “está a darlle unha volta a este programa”.
A
concelleira indicou a pais, profesores e alumnos que “haberá que idear unha
fórmula de colaboración co Concello que ata de agora corre con todos os gastos
o que, lóxicamente, limita o número de participantes que doutro xeito podería
ser maior”. A concelleira de Educación indicou que o asunto falarase coa
comunidade educativa xa que hai outros dous irmandamentos con Vrgorac (Croacia)
e Pasiano di Pordenone (Italia) que suporán maior gasto.