O Porriño ofrece pinchos típicos do Entroido como lacón, cacheira, orella ou filloas
Un total de 19 establecementos de hostalería porriñeses participarán nas Xornadas Gastronómicas do Entroido 2022.
Esta ruta de pinchos forma parte do programa gastronómico posto en marcha dende o Concello do Porriño, en colaboración con AHOSPOR para poñer en valor a nosa hostalería, promocinar o comercio local e dinamizar a vila. Nos próximos días presentaranse outras actividades que completan programación.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, e o presidente de AHOSPOR, Jose Manuel Fernández, foron os encargados de presentar esta mañá esta iniciativa que dá o pistoletazo de saída ao Entroido porriñés esta fin de semana.
“Desde esta fin de semana e ata o 5 de marzo poderemos degustar as propostas dos nosos hostaleiros cada venres e sábado, de 19 a 22h”, explicou o concelleiro , Bienvenido Estévez.
“Os locais prepararán pinchos típicos destas datas como lacón, cacheira, orella ou filloas, que poderán ser degustados ao módico prezo de 1,5 euros”, explicou o presidente dos hostaleiros, Jose Manuel Fernández quen destacou que estas actividades demostran que a hostalería do Porriño “sigue moi viva e ten moito que ofrecer”.
Pola súa banda, o rexedor animou a toda a veciñanza do Porriño, e tamén aos veciños e veciñas dos municipios da contorna, a participar desta ruta de pinchos que “son máis que unha degustación gastronómica, tamén son unha oportunidade para convivir e encontrarnos, algo moi importante tras os momentos que levamos vivido”. Quixo tamén agradecer a AHOSPOR e á hostelería do Porriño a súa iniciativa xa que “este tipo de iniciativas contribúen a revitalizar o noso pobo e a nosa economía”.
Participan: Adega de Montero, A Francachela, A Tentación, Bar en Xogo, Bolboreta, Cafetería El Sol, Cafetería Platinum, Casa di Mili, Celtiña, Cólleo con pinzas, Galibar Centro, La Bici, La Cueva, La de Chato, Maloserá, Maracaibo, Mesón Argentino 2, Segredos Gastrobar e Val da Louriña.