O plan de formación `Dixitaliza o teu negocio’ apoia ao comercio local ponteareán nas novas formas de venda online
O Concello de Ponteareas, consciente da necesidade que ten o tecido empresarial, hostaleiro e comercial do municipio de adaptar os seus negocios á nova situación derivada pola COVID-19, pon en marcha a iniciativa ‘Dixitaliza o teu negocio’, con plans de formación e asesoramento individualizado para os comercios de Ponteareas e a planificación de estratexias empresariais adaptadas ao novo contexto.
O programa ‘Dixitaliza o teu negocio’, posto en marcha pola Concellaría de Promoción Económica que dirixe Eva Gil, contará cun plan de formación destinado ás o aos comerciantes de xeito práctico e sinxelo para amosarlles as posibilidades do comercio electrónico, as diferenzas existentes entre cada unha delas así como todos os medios dixitais existentes.
Nunha segunda fase, do proxecto as o os comerciantes contarán con asesoramento individualizado que permita o acompañamento dos comercios na súa dixitalización. O obxectivo desta iniciativa é desenvolver o potencial que ten todo o tecido empresarial do municipio e axudar na súa adaptación ás novas circunstancias do mercado e aos novos hábitos de consumo, sen perder a esencia do comercio local, de tempada e de proximidade.
A formación estará a cargo de profesionais para dar a coñecer pautas que sirvan de axuda aos negocios, analizando e resolvendo cada situación concreta. Para iso o concello contará co asesoramento dunha das mellores empresas especialistas no eido da planificación estratéxica empresarial e comercial do noso país.
PLAN DE COMUNICACIÓN
Estableceranse diferentes liñas de comunicación e difusión, contando co tecido asociativo do concello, para crear unha rede sólida de apoio entre a administración, o sector e a veciñanza. O proxecto ten por finalidade promover o consumo e as compras de proximidade.
Todo isto complementarase con iniciativas de comunicación para posicionar e dar visibilidade ao proxecto a través da creación da imaxe do programa e a creación dunha “landingpage” (www.dixitalizaponteareas.com) que estará operativa o día da presentación do programa, onde os representantes dos negocios tamén poderán rexistrarse a través do formulario de contacto (info@dixitalizaponteareas.com), e a creación dunha campaña de promoción nas redes sociais (Facebook e Instagram, Ads principalmente).
Todas as persoas interesadas poderán asistir á presentación do proxecto o xoves día 10 de setembro, as 20.30 horas, na sala multiúsos do auditorio municipal de Ponteareas, reservando a súa praza no teléfono 673 855 422.
Acceso virtual á reunión
As persoas interesadas que non podan asistir presencialmente poderán seguir a reunión a través da plataforma ZOOM.