O parque forestal da Picaraña, máis coidado e protexido ambientalmente, aumenta o seu atractivo
A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, xunto con representantes das Comunidades de Montes de Ponteareas, Arcos e Bugarín, visitou as actuacións realizadas en 2020 no parque forestal da Picaraña, co financiamento do Concello de Ponteareas e da Deputación Provincial de Pontevedra. A edil nacionalista salientou que “as actuacións desenvolvidas nun total de 34 hectáreas supuxeron un investimento de 68.000 euros e atinxiron á mellora medioambiental do espazo natural e á creación de novos equipamentos de lecer na natureza”.
Por unha banda, executáronse en case 12 hectáreas traballos de eliminación da Acacia melanoxylon, unha especie invasora prexudicial para a biodiversidade e os ecosistemas do parque. Ademais, creouse unha área cortalume ao longo de estradas e pistas forestais con plantación de frondosas en case 3 hectáreas e realizáronse traballos de poda e roza noutra hectárea e media.
Unha das actuacións máis novidosas para a mellora e difusión dos valores ambientais consistíu na roza de matogueira en máis de 16 hectáreas do erbedal da Picaraña. O érbedo ou moroteiro é unha especie moi singular no parque forestal que está presente en forma de bosque arbustivo nunha ladeira da Picaraña. Entre outubro e decembro recóllese o seu froito coñecido como morote ou amorodo, redondo e de cor vermella, cun suculento interior de cor laranxa intensa e utilizado para producir xeleas e marmeladas ademais de aromatizar licores. Ademais da roza realizada para previr lumes forestais e reducir riscos de enfermidades, tamén se instalou un panel divulgativo ao pé do roteiro de sendeirismo dos Penedos da Picaraña para dar a coñecer este valor natural. Neste ecosistema habita a bolboreta diurna de maior tamaño de Europa, a bolboreta do érbedo (Charaxes jasius), de catro colas, que forma parte do logotipo do parque forestal. Trátase dun dos insectos máis bonitos da península ibérica. Na súa fase de eiruga aliméntase exclusivamente de follas de érbedo e por iso a súa presenza está ligada á do moroteiro.
Por último creouse o 'Roteiro dos Castros' para a práctica do sendeirismo cun percorrido de 3 km que discorre por diferentes zonas arqueolóxicas do parque forestal. O roteiro iníciase no alto das Rabadeiras e conclúe nas Chans da Picaraña.
As actuacións do ano 2020 deron continuidade ás executadas nos dous anos anteriores, tamén co financiamento do Concello de Ponteareas e da Deputación de Pontevedra. A concelleira Rosa Covelo explicou que “con estas actuacións o goberno municipal, Deputación e comunidades de montes estamos convertendo espazos coma A Picaraña, que estiveron abandonados durante décadas, en lugares coidados, protexidos ambientalmente e de grande atractivo para o desfrute da veciñanza en contacto coa natureza”.