O Nadal Solidario vigués vai tomando forma no Tinglado portuario
O Nadal Solidario, ideado pola
Delegación Territorial de Vigo en colaboración coa sociedade civil e coa
implicación de varias consellerías da Xunta e o Porto de Vigo, vai tomando
forma no Tinglado portuario de cara a súa apertura o vindeiro 16 de decembro. A
iniciativa, que ten como obxectivo traballar coa
sociedade civil, con entidades solidarias, fomentar accións participativas de
ambiente familiar e colaborar en positivo coa cidade, culminará o vindeiro 4 de
xaneiro con actividades ao
longo de todo o día en horario de 12 da mañá ás 10 da noite, estendéndose á
medianoite os sábados e domingos.
A finalidade do Goberno galego con este espazo solidario é
contribuír a que os vigueses conten cunhas festas de calidade que se espallan
por toda a cidade e das que gocen todos os cidadáns e visitantes.
Un lugar no que cidadáns,
turistas, peregrinos e empresarios poderán achegarse para aportar o seu grao de
area, pero que é moito máis, xa que contará con actividades que permitirán
encher a cidade de Vigo de cultura e tradición.
MOUTEIRAS SOLIDARIAS
Durante os últimos meses
traballouse de xeito conxunto coas 23 ONGs e organizacións solidarias que se
sumaron ao proxecto e que, sen dúbida algunha supoñen o lado máis solidario
destas festas. Así, unha mouteira do Camiño representará a cada unha das ONGs e
actuará a modo de caixa de correos para que os cidadáns e as empresas poidan
estender a súa doazón. No vale deixarán o seu contacto para que, tras o Nadal,
poidan facer directamente a entrega á organización elixida.
Moitas son as actividades que
durante preto de tres semanas encherán de cor, música, tradición e
solidariedade un espazo pensado para todos os públicos, coas familias como
prioridade.
A animación no
exterior contará con decoración tradicional, atraccións para os máis pequenos,
foodtrucks e unha grande caseta habilitada para que o paxe real recolla todas
as cartas dos nenos e nenas aos Reis Magos. Xa no interior, a peza principal será o Nacemento da Catedral de
Santiago, xa que as obras que se están a realizar na basílica impiden este ano
a súa exposición pública.
Un montaxe medioambiental
ocupará a caseta dependente do porto vigués; o Celta de Vigo traerá xogadores
do equipo de primeira división e do equipo integra, formado por deportistas con
discapacidade (gañadores este ano da Copa de España), e as 23 ONGs
participantes estarán moi presentes con espazos propios nos que informarán das
súas actividades.
Organizaranse varios talleres
nos que os máis pequenos poderán facer experimentos e facer fósiles coas súas
propias mans, un obradoiro específico para que avós e netos podan compartir
unha experiencia única e un terceiro taller dedicado a creación de xogos
reciclados. Asemade, artesáns galegos farán demostracións dos oficios
tradicionais.
O apartado da animación corresponderalle
á Federación de Bandas de Música Populares de Vigo e Asociacións de Corais
Polifónicas, rondallas e agrupacións teatrais da cidade. Estarán presentes,
apuntou Corina Porro, alumnos da Escola de Arte Dramático, o coro infantil da
Fundación Mayeusis e do Colexio Montecastelo, a Coral Casablanca e os Bolechas.
Asemade, grupos locais e de jazz encargaranse de amenizar no horario ampliado
ata as 00.00 horas as noites dos sábados e domingos.
Así mesmo, a programación
contará con xornadas especiais para os colexios, centros sociais de maiores e
os nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro.