O escritor Alfonso Pexegueiro pregoará o Corpus ponteareán o sábado 13
A crise do Covid
-19 impide celebrar o Corpus Christi como se leva facendo en Ponteareas dende a
segunda metade do século XIX, coa confección de alfombras de flores nas rúas e
prazas polas que trancorre a procesión. A pesares desta situación, a
imaxinación e iniciativa de alfombristas, goberno e Corporación municipal farán
posible que se siga conmemorando esta data e divulgando esta fonda tradición,
segundo confirmaron nunha reunión celebrada este luns.
Neste sentido
acordouse convidar a vivir o Corpus desde os balcóns das vivendas, cun conxunto
de actos que serán retransmitidos “online” para que todas e todos os veciños
participen e engalanen os balcóns, terrazas e fachadas con motivos alusivos aos
Corpus e as súas alfombras de flores.
“Desde o
Concello e conxuntamente cos e coas alfombristas, queremos celebrar o Corpus
2020 dun xeito especial; farémolo desde os balcóns, lucindo flores e os
materiais que habitualmente utilizamos nas alfombras, engalanando os balcóns e
as fachadas, dando así vida á festividade do Corpus Christi, declarada de
Interese Turístico Internacional e impregnando as rúas para revivir o arrecendo
das alfombras doutros anos”, manifestou o alcalde, Xosé Represas.
O Concello pon
ao servizo dos e das alfombristas os medios para que se poida sentir neste ano
tamén o Corpus, aínda que sexa de forma ben distinta á tradición.
Alfombristas e
Concello convidan á poboación infantil á realizar nas súas casas as súas
creacións de “alfombras” e a compartilas nas redes sociais