O Concurso de Gaitas do País de Ponteareas repartirá 4.500 euros en premios
A concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, informa que se veñen de publicar as bases para o LIII Concurso de Gaitas. Unha cita xa consolidada como a festa musical máis antiga de Galiza que posiciona a nosa vila como referente da música tradicional galega.
Poderán participar no concurso todos os grupos de gaitas que toquen con instrumentos tradicionais galegos, sen modificación de ningún tipo.
Coa publicación no Boletín Oficial da Provincia ábrese o prazo de presentación que rematará o vindeiro día 7 de setembro.
Como cada ano, dúas gaitas, un bombo e un tamboríl subirán ao escenario do auditorio municipal Reveriano Soutullo e percorrerán as rúas de Ponteareas para o goce de toda a cidadanía.
O xurado do LIII concurso de gaitas do país de Ponteareas estará composto por dona Nadia Vázquez, don José Manuel Gil Rodríguez, dona Xulia Feixoo Martínez, don Antonio Gutiérrez Pereira, dona Sabela Olivares e Óscar Ibáñez, todos eles recoñecidas/os gaiteiras/os e personalidades do mundo da gaita e da música tradicional de Galiza.
O primeiro premio estará dotado de 1.800 euros, o 2º premio de 1.200 euros, o 3º premio de 900 euros e o 4º de 600 euros O primeiro premio tamén obterá unha gaita de Gaitas Gil e un tamboril de Sanín Percusión, doados por Artesanía de Galicia. O Concello de Ponteareas outorgará unha gratificación de 300,00 euros aos grupos en concepto de participación.