O comercio tudense enarbola a campaña 'Tui é un amor. Namoráte de Tui'
“Tui é un
amor. Namórate de Tui” é o lema da campaña que hoxe mesmo se pon en marcha en
Tui co gallo do Día dos Namorados. Trátase dunha iniciativa conxunta das
concellerías de Comercio e de Turismo do Concello de Tui que conta coa
colaboración do comercio local. O obxectivo é fomentar as compras no comercio local con
motivo da celebración do Día dos Namorados.
A
campaña foi presentada este mediodía na casa do concello polo alcalde, Enrique
Cabaleiro, xunto á concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez, e o concelleiro de
Turismo, Laureano Alonso.
A
campaña terá dous eixos, por unha banda a colocación de 600 corazóns nos
escaparates do comercio local dos que
300 recolleran outros tantos poemas de autores galegos coma Rosalia de Castro, Álvaro
Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Uxio Novoneira, Marga do Val ou Emilio
Alvarez Blazquez, xunto a 150 corazóns co lema da campaña “Tui é un amor.
Namórate de Tui” e outros 150 serán un corazón branco sobre fondo vermello. O
outro eixo será a instalación de seis elementos decorativos, que están a ser
realizados por persoal municipal con material reciclado, nos que destaca o
Banco do Amor, e palabras coma “Amor” ou “Love” nas que poder fotografarse.
Estarán instalados nas prazas de San Fernando e a Inmaculada, e as rúas Ourense
e Compostela.
Na
presentación desta mañá o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou que “o
lema da campaña Tui é un amor. Namórate de Tui, vai facer historia neste
concello, porque nada máis literal para expresar o que é este concello e o que
transmite aos que vivimos aquí e aos que nos visitan, que marchan namorados da
cidade”. Unha campaña que conxuga a nosa
cultura, que pon en valor aos autores galegos e que aposta pola economía
circular nos elementos decorativos que van ser instalados.
A
concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez, explicou que a imaxe da campaña no
comercio local será “un espectáculo de arte e cultura que causará nos
viandantes unha sensación visual e emocional”. Avanzou que para a campaña recuperarase
a xaula que estaba situada nos xardíns de Troncoso.
O
concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, destacou a transversalidade da campaña
na que colaboran dous departamentos buscando a promoción da cidade e do
comercio local. Desexou que o resultado sexa “exponencial”. Afirmaba que deste xeito realízase unha
campaña en positivo na que se pon en valor o amor e os recursos locais.
FOTOGRAFÍAS CON PREMIO
As
persoas que realicen fotografías nos seis elementos decorativos, que ao longo
dos próximos días serán instalados nas rúas tudenses, e as etiqueten nas redes
sociais cos hastag #Tuiéunamor e #NamóratedeTui
poderán optar a tres premios. Así o
autor ou autora da imaxe con máis Me Gusta levará unha estancia de fin de semana nun aloxamento
tudense; os segundo poderán gozar dunha
cea romántica nun restaurante de Tui; e o terceiro, un estoxo de viño de produtores
locais.