O Club Tenis de Mesa Mos vén de facer un gran papel en senllos campionatos
Esta tarde tivo lugar no Multiusos das Pozas a recepción ao Club Tenis de Mesa Mos polos resultados obtidos no Torneo de Lamego – Portugal e no Torneo Estatal da Categoría de Discapacidade que se celebrou en Santander.
No acto estiveron presentes, ademais dos deportistas do Club Tenis de Mesa Mos, Iván Pombo, Secretario do Club Tenis de Mesa Mos, Samuel Pereiro, Adestrador do Club Tenis de Mesa Mos, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, o concelleiro de Deportes de Mos, José Areal, e demais membros do equipo de goberno e da Corporación Municipal.
O Club Tenis de Mesa Mos vén de facer un gran papel en senllos campionatos, internacional e nacional. No primeiro caso a competición internacional foi un Torneo de Clasificación de Portugal con varias medallas para: Laura Amoedo e Carla Blanco e por equipos: Laura Amoedo, Carmela Sanmartín e Sara Alfaro.
A fin de semana dos días 26 e 27 de febreiro 16 xogadores e xogadoras do Club Tenis de Mesa Mos participaron nun torneo de alto nivel en Portugal para puntuar no ranking portugués e onde obtiveron o segundo posto por equipos feminino.
Tratouse do Torneo de Lamego - Portugal, puntuable para a clasificación portuguesa con xogadores chegados desde todos os puntos de Portugal e de Porto Rico, Chile, Ecuador etc.
Os resultados máis destacados do Club Tenis de Mesa Mos foron:
- Subcampioas en Equipos feminino sub19.
- Laura Amoedo: 5° clasificada en feminino sub19.
- Carla Blanco 5°: clasificada feminino sub10.
No caso do Campionato Estatal da Categoría de Discapacidade, Torneo Estatal que se celebrou en Santander e foi disputado esta pasada fin de semana (11, 12 e 13 de marzo), os xogadores do clube mosense que participaron son:
- Sofía Freiría, categoría ‘disca pé’, a máis nova da categoría deixando moi boas sensacións nos xogadores. Vena cun futuro moi prometedor nesta categoría.
- Martina Sande, participou na categoría ‘disca cadeira’ sendo a máis nova e cun futuro prometedor por diante, xa que leva pouco tempo adestrando e conseguiu xogar a un bo nivel.
- Iván Pombo participou na categoría ‘disca cadeira’ sendo o xogador con maior discapacidade. Competiu con xogadores con menor discapacidade obtendo resultados moi positivos. Grazas a estes resultados colócase como un dos mellores de España na categoría de clase 1.
Todos eles compiten por primeira vez neste torneo.
Coa súa participación, van ter a oportunidade de darse a coñecer e poder entrar no grupo de promesas con discapacidade da Selección Española. Os resultados para o club CTM Mos foron moi prometedores en Santander. Todos eles están no punto de mira para poder pertencer ao grupo de promesas da Selección Española.