O cárcere vello tudense reinventarase como centro de acollida de peregrinos e visitantes

Recreación en 3D do Centro Cárcere Vello no seu primeiro andar-

O cárcere vello converterase nun centro de acollida de peregrinos e visitantes. A empresa Trivium estratexias en cultura e turismo S.L., adxudicataria do concurso de 'Redacción do proxecto de acondicionamento do local e montaxe do Centro Cárcere Vello para a acollida aos visitantes do conxunto histórico de Tui e aos peregrinos do Camiño de Santiago' presentou hoxe no concello proxecto. O alcalde, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Patrimonio e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, recibiron a César Abella de Trivium que lles expuxo as características plantexadas para este Centro Cárcere Vello.

O obxectivo é

crear un novo espazo cultural de referencia para a cidade no que dinamizar as

visitas ao Conxunto Histórico-Artístico de Tui, o segundo máis grande de

Galicia, declarado Ben de Interese Cultural.

O cárcere vello,

situado na rúa Sanz en pleno Camiño de Santiago, data de 1.584 e acolleu as antigas

Escolas Taller. Agora van ser completamente reformadas para acoller un proxecto

museográfico que porá en valor o magnífico patrimonio e legado histórico de

Tui. Os espazos expositivos contarán coa tecnoloxía máis punteira. Os

visitantes poderán realizar experiencias audiovisuais inmersivas a través de

holografías e paneis interactivos que percorrerán as orixes prehistóricas de

Tui, a vía romana que a atravesaba, as invasións normandas e musulmáns, o mercado

medieval e os personaxes da nobreza que protexían a cidade, a relación

milenaria con Portugal, a fenomenal comunidade xudía e a simboloxía secreta que

utilizaban. Tamén destacarán personaxes ilustres tudenses como o filósofo

Francisco Sánchez, precursor de Descartes, ou Frei Rosendo Salvado,

evanxelizador de Australia. A exposición permanente contará cunha sala dedicada

en exclusiva ao Camiño Portugués a Santiago.

O Centro Cárcere

Vello será completamente accesible grazas á instalación de elementos de

mobilidade e paneis informativos adaptados para persoas con diversidade

funcional e cognitiva. Contará ademais cun Programa Didáctico, con varios

espazos reservados a tal fin, con actividades e visitas dirixidas á comunidade

educativa.

O Centro Cárcere

Vello de Tui será tamén un lugar de acollida de peregrinos que disporán dunha

consigna onde poderán gardar os seus vultos e visitar tranquilamente o centro

da cidade. O complexo disporá dunha zona recreativa con espazos verdes, fonte,

bancos, aparcadoiro para bicicletas, e servizos de venda de bebidas. O patio do

Cárcere Vello estará aberto para conformar unha nova praza pública para o goce

de tudenses e visitantes.

O novo Centro

eríxese como un recurso turístico e cultural de primeiro nivel que busca

prolongar a estadía media do turista na cidade e a dinamización económica de

toda a zona centro. O proxecto executado pola empresa galega inclúe tamén a

imaxe corporativa cun logotipo que define a súa identidade, unha proposta de

sitio web, e todos os elementos de comunicación asociados.