Novo aparcadoiro público da rúa Sarmiento Rivera
O Concello de Ponteareas iniciou hoxe os traballos de acondicionamento do novo aparcadoiro público da rúa Sarmiento Rivera. A parcela cedida ao Concello ten unha superficie de 6.500 m2 aínda que as actuacións abranguen aproximadamente 4.000 m2.
O novo aparcadoiro, situado fronte ao cuartel da Garda Civil, terá uns 4.000 m2 e preto de 200 prazas de estacionamento o que o converterán no máis grande dos existentes en Ponteareas. Atópase a 160 metros e 2 minutos da Casa do Concello e polo tanto do centro urbano.
Segundo explicou o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, o acondicionamento quedará concluido en varias semanas en función das condicións meteorolóxicas que poden retrasar os traballos.
O Concello de Ponteareas ampliou recentemente o aparcadoiro de Granitos de Galicia que pasou a contar con 133 prazas de estacionamento.
O Goberno Municipal do Concello de Ponteareas vén de contratar o proxecto de humanización da rúa Braña. Trátase do primeiro paso para mellorar unha das principais rúas de acceso ao centro urbano de Ponteareas e que conecta unha das arterias principais, a Avenida de Castelao, coa zona máis céntrica da vila.
RÚA BRAÑA
O pasado ano a concellaría de Mobilidade e Tráfico acometeu unha reordenación do tráfico e de ampliación dos espazos peonís na rúa da Braña. Por unha banda, pasou a ser de sentido único, reducíndose de forma drástica o tráfico de vehículos e a contaminación atmosférica e acústica. Por outra banda, as beirarrúas, que apenas acadaban 1,50 mts de anchura, ampliáronse substancialmente mediante o seu pintado sobre a calzada.
A contratación do proxecto de humanización pretende traducir eses cambios provisionais realizados con sinalizacións e pintados en melloras definitivas mediante obras de reurbanización da rúa.
O proxecto deberase adecuar ás directrices do Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel de Ponteareas que establece que as beirarrúas deberán ter coma mínimo unha anchura de 2,50 metros libres de atrancos. Trátase da anchura considerada mínima para que dúas persoas con paraugas aberto poidan pasar entre si sen necesidade de invadir a calzada. Por outra banda, o proxecto deberá definir melloras como a renovación do alumbrado público e o arborado. Na actualidade, a rúa da Braña, cunha lonxitude de 135 metros, non conta con ningunha árbore, nin bancos, nin ningunha clase de mobiliario urbano agás papeleiras. Ademais, o proxecto deberá contemplar a instalación na rúa dunha pantalla dixital para ofrecer información do Concello.
Segundo o Alcalde Xosé Represas, “pretendemos converter a rúa da Braña nun espazo residencial de calidade para a veciñanza, un lugar de paseo e estancia, de convivencia, agradábel, sombreado e atractivo comercialmente”. O estudo de arquitectura contratado para redactar o proxecto é o mesmo que deseñou a praza situada entre o Auditorio Reveriano Soutullo e o Mercado Municipal cuxas obras se concluiron o pasado ano 2020.
Pola súa banda, o concelleiro de Participación Cidadá, Roberto Mera adiantou a posta en marcha durante este mes de febreiro dun proceso de participación previo á redacción do proxecto para que a veciñanza, comerciantes e colectivos sociais e políticos fagan as súas suxestións e acheguen as súas aspiracións e ideas. Unha vez os arquitectos realicen a proposta de humanización darase a coñecer nun novo proceso de información pública.