Mos vive un repunte de licenzas urbanísticas
Continúa a notable tendencia á alza das licenzas de obra maior e de primeira ocupación concedidas en Mos. Como cada ano ao remate do exercizo, o departamento municipal de Urbanismo, que dirixe o concelleiro Alberto Méndez, fai balance das licenzas xestionadas pola devandita concellería durante o ano finalizado, segundo comunicado municipal.
Neste caso, comezando o 2020 e recén rematado o 2019,
os datos seguen a progresión ascendente iniciada en 2017 coa aprobación do Plan
Xeral de Ordenación Municipal. O importantísimo aumento
das licenzas urbanísticas concedidas anualmente reflíctese nas porcentaxes de crecemento do número total de licenzas:
que en 2019 aumentaron nun 14,5%
respecto de 2018, pasando de 397 a 454, xa no ano 2018 incrementáranse
tamén nun 16% as licenzas concedidas respecto das do 2017, e en 2017 creceran
un 6% respecto do exercizo anterior de 2016.
Precisamente
esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Urbanismo,
Alberto Méndez, fixeron públicos estes datos que ofrecen un balance moi
positivo respecto da actividade neste departamento que, segundo consideran os
representantes municipais, “foi en gran parte grazas ao pulo que supuxo a
implantación do Plan Xeral”.
Ademais da
implantación do PXOM mosense, aprobado definitivamente en xaneiro de 2017,
estas cifras veñen tamén derivadas do crecemento do Parque Empresarial
PEMOS-Veigadaña, que se atopa ao 94% de ocupación, e o potencial como Concello
Emprendedor Doing Business Galicia, que fan que Mos leve experimentando nos
últimos anos un aumento importantísimo das licenzas urbanísticas concedidas.
Dentro da suba
do total de licenzas concedidas o pasado 2019, os datos que máis despuntan son
os do número de licenzas de obra maior e de primeira ocupación.
As licenzas de obra maior concedidas en 2019 crecen un 31% respecto de 2018,
pasando de 84 a 110. Dentro destas, as que máis se incrementaron foron
as de nave industrial e as de acondicionamento de parcela,
prácticamente duplicándose en ambos casos e pasando de 6 a 11 as
primeiras e de 6 a 10 as segundas. E tamén dentro das licenzas de obra
maior as máis numerosas foron as concedidas para vivenda: un total de 24. O que demostra que o de Mos é un
Concello ideal tanto para vivir como para desenvolver unha actividade
empresarial e/ou industrial.
Outro do tipo
de licenzas cun despunte máis que significativo é o de primeira ocupación. Que duplica en 2019 a cifra de 2018 pasando
de 7 a 15 licenzas concedidas cunha porcentaxe de crecemento do 142%. Dato que refrenda novamente a realidade de que
Mos é un Concello ideal para vivir e cada vez hai máis persoas que o elixen
como lugar para construír e establecer a súa residencia.
Tamén creceron
en 2019 as licenzas de actividade, comunicación
previa e declaración responsable, pasando de 99 en 2018 a 101
en 2019; o que supón un aumento do 2%.
E por último,
tamén se produciu un incremento do 12%
nas licenzas de obras menores e
comunicacións previas de obra menor, pasando de 198 en 2018 a 222
en 2019. Entre elas as máis abundantes foron as de acondicionamento de vivenda: un total de 78 en 2019 (fronte
ás 71 de 2018), seguidas das de canalización
de gas: un total de 66 en 2019 (fronte ás 53 de 2018). E
tamén foi moi significativo o crecemento do número de licenzas concedidas para obras asociadas a actividade, cuadruplicándose
a cifra que pasou de 1 licenza en 2018 a 4 en 2019.
Destes datos
conclúese que “a existencia e implantación dun PXOM está animando aos
particulares e ás empresas a establecer ou consolidar a súa residencia ou
negocio, respectivamente, en Mos; e que a localidade mosense está a ser
percibida e considerada como un bo municipio para vivir e crecer
empresarialmente”, explican Arévalo e Méndez.