Mos reanuda o servizo de Atención Temperá o 15 de xuño
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a
concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, informaron esta mañá
na 14ª reunión da Comisión de Seguemento da Evolución do COVID-19 en Mos de que
está programado retomar o servizo de Atención Temperá que se desenvolvía nas
instalacións da ludoteca de Louredo (antigas Ecolas Unitarias) por parte de
Aceesca, que se interrompeu por mor da crise sanitaria do coronavirus.
A reanudación do servizo está prevista
para o vindeiro 15 de xuño e o anuncio da mesma coincide coa recepción por
parte do Concello da resolución favorable da concesión da subvención autonómica
de preto de 100.000 euos para a prestación deste servizo municipal. A axuda
concedida pola Xunta de Galicia para o Desenvolvemento deste programa durante o
presente ano 2020 ascende a 99.110,70 euros e o Concello de Mos asume un 10% do
custe total anual do servizo.
Esta axuda enmárcase nas subvencións ás
entidades locais para a prestación de servizos no marco da Rede Galega da
Aención Temperá cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Operativo
FSE Galicia 2014-2020.
Para coordinar a reapertura de cara ao
vindeiro 15 de xuño, a semana que ven comezarase a chamar por teléfono ás
familias dos 46 nenos e nenas mosenses que actualmente se benefician do servizo
para darlles cita.
O obxectivo deste programa municipal de
Atención Temperá é promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante
un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos con
trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, a súa familia e
contorno, co fin de facilitar a súa autonomía persoal e a dita inclusión.
O
pasado 24 de febreiro a conselleira de Política Social, Fabiola
García, visitaba acompañada pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a
concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, a unidade de atención temperá do Concello de
Mos, e destacaba a importante labor que realizan os seus profesionais para
axudar ás familias deste municipio e da súa contorna.
As
nenas e nenos que acoden a este centro melloran a súa autonomía e calidade de
vida grazas a un asesoramento individualizado e adaptado ás súas necesidades.
Neste sentido, existe tamén unha gran implicación de traballadores e
responsables de Aceesca para que así sexa.